Os gandeiros galegos producen catro de cada dez litros de leite no Estado... pero son os peor pagados

O litro de leite galego pagouse ao remate de 2023 a 49,5 céntimos (único que non alcanza os 50 céntimos) malia ser Galiza a principal produtora.
Un grupo de vacas leiteiras comendo unha mestura de cereais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un grupo de vacas leiteiras comendo unha mestura de cereais. (Foto: Nós Diario)

O ano 2023 puxo o ramo cun prezo medio de 49,5 céntimos por litro de leite pagado a gandeiros e gandeiras da Galiza. É a cifra máis baixa de todo o Estado español, e Galiza é a única comunidade que non alcanza os 50 céntimos. Así figura no último informe de prezos publicado polo Ministerio de Agricultura, no que se recolle que o prezo no país queda a case tres céntimos dos 52,1 céntimos de media no Estado. A cifra galega contrasta, por exemplo, cos 54,2 céntimos por litro que se abonan na veciña Asturias.

Os produtores e produtoras galegas sufriron unha caída no último ano de case 10 céntimos a respecto dos 58,6 céntimos que cobraban ao remate de 2022. Mentres, os produtores con entregas seguen á baixa en 2023, un ano no que se perderon 362 gandeiros lácteos, até quedar nun total de 5.655.

Estes rexistros contrastan, porén, coas cifras de produción, pois Galiza segue a ser o piar que sustenta o sector leiteiro estatal. No global de entregas, Galiza alcanzou os 3 millóns de toneladas de leite o pasado ano, o que representa catro de cada dez litros (41%) do total do Estado. Supón un aumento de 1% comparando co volume de 2022. O 66% das vendas fanse dentro do propio país e o 34% restante, cara a outras comunidades autónomas.

Medra tamén a facturación estatal

Pola súa parte, a facturación do sector lácteo experimentou un aumento de 8% no conxunto do Estado en 2023, achegándose aos 10.700 millóns de euros, segundo o estudo Industrias Lácteas publicado polo Observatorio Sectorial DBK de Informa, que calcula que a facturación aumentou en perto de 30% en dous anos. O conxunto do mercado lácteo volveu experimentar un crecemento ao remate de 2023, "atribuíbel principalmente ao efecto do proceso inflacionista".

En 2022 o mercado de produtos lácteos aumentou por volta 19,1% con respecto a 2021, situando o valor dos produtos en 9.900 millóns de euros. Aliás, o comercio exterior dos produtos medrou 20% en 2022, con 1.632 millóns de exportacións.

Desta forma, todos os segmentos dos produtos lácteos experimentaron unha evolución positiva en 2022, cun valor de vendas de leite e manteiga de 3.350 millóns de euros no 2022, o que se traduce en 25% máis que no ano 2021, así como unha participación de 33,8% sobre o mercado total.

Aliás, o mercado dos iogures e as sobremesas situouse en 1.925 millóns de euros en 2022, cunha cota do mercado de 19,4%, á vez que as vendas de queixos alcanzaron os 3.625 millóns de euros, significando unha participación de 36,6% sobre o valor total do mercado.

Comentarios