O agro galego rexeita en Madrid o acordo da UE con Mercosur e os recortes na PAC: "Vanse cargar as explotacións medianas e pequenas"

Miles de profesionais do sector agrogandeiro de todo o Estado, cunha ampla representación galega, manifestáronse esta cuarta feira en Madrid contra o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur. Rexeitan as condicións dun tratado que incrementa a presión sobre os produtores e ameaza con encarecer o cesto da compra.

Máis de medio millar de gandeiras e agricultores galegos participaron esta cuarta feira en Madrid nas mobilizacións convocadas a nivel estatal pola Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros e a Unión de Asociacións do Sector Primario Independentes (Unaspi) en contra do Acordo UE-Mercosur e os recortes previstos na PAC para o período 2028-2034, cuxo marco financeiro aínda se está a negociar.

Unha vintena de tractores procedentes da Galiza sumáronse aos que nos últimos días marcharon tamén desde Castela e León, Catalunya ou Andalucía para percorrer as rúas da capital do Estado desde a praza de Colón até o Ministerio de Agricultura. Até 500 tractores tiñan permiso para tomar o centro de Madrid e acrecentar as queixas do sector agrogandeiro, mobilizado desde finais de 2025 contra un tratado comercial asinado o pasado 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai).

O acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), pendente aínda de que o Tribunal de Xustiza da UE emita un ditame sobre a súa legalidade, suprimirá a maior parte das restricións que pesan sobre os produtos importados e exportados por ambos os dous bloques, denuncia o sector, unha medida que facilitará a entrada na UE de alimentos producidos a custos máis baixos e con menos controis.

"Por moito que agora falen de mecanismos de salvagarda, tal e como está estruturado, o tratado comercial supón, especialmente para o sector cárnico, unha perda de ingresos moi grande para as explotacións produtoras", afirma en declaracións a Nós Diario Elías Somoza, presidente da Federación Rural Galega (Fruga), organización colaboradora de Unión de Unións.

Representantes e socios desta organización agraria viaxaron a Madrid para sumar a súa voz ás protestas compartidas por miles de gandeiros e gandeiras de todo o Estado, uns 8.000, segundo as organizacións convocantes, que prognostican un impacto moi negativo do acordo con Mercosur, tamén para as persoas consumidoras. "Estariamos competindo con sistemas de produción totalmente distintos e con países que teñen unha vocación claramente exportadora", advirte Somoza, territorios que colocarían no mercado europeo, e tamén no galego, "mel e carne a prezos moi baixos".

Recortes na PAC

A Fruga manifesta "unha oposición frontal" ao tratado comercial. Tamén desde o sindicato Agromuralla rexeitan o acordo e a pretensión de Bruxelas "de poñelo a funcionar con carácter provisional" á espera do ditame do TXUE. A súa presidenta, Noelia Rodríguez, desprazouse esta cuarta feira a Madrid en autobús canda a 200 gandeiros e gandeiras galegas, que alertaron dos apuros que vai pasar o sector primario galego "unha vez fan coincidir o acordo UE-Mercosur cos recortes na Política Agraria Común (PAC)".

"O que sabemos hoxe é que se prevé un recorte de 22% nos orzamentos da PAC. É certo que se fala dunha serie de concesións para compensar o impacto do tratado con Mercosur pero tampouco temos constancia de que ese incremento nos vaian afectar, xa que esas concesións fixéronse para Italia ,que cambiou o seu voto para asinar o acordo", engade.

A redución das axudas da PAC, asegura Rodríguez, supón a perda de rendibilidade das explotacións. "A PAC naceu para que o consumidor tivese produto de calidade, mais nos últimos anos déuselle a volta e estase a basear na extensión territorial ou no coidado do medio ambiente", esquecendo a finalidade última, "que os produtores poidamos desenvolver unha actividade rendíbel e os consumidores poidan acceder a unha alimentación de calidade a bo prezo".

Asegura a voceira de Agromuralla que desde a UE están a minguar cada vez máis a capacidade produtiva de gandeiros e agricultoras. "Limítasenos a extensión de terreo que podemos producir, obrígasenos á rotación de cultivos, restrínxesenos onde producir en beneficio de especies a protexer", enumera, medidas que están a arruinar o seu progreso e condenando ao feche numerosas explotacións.

Sector lácteo

"A UE está priorizando o gasto militar en detrimento do que son as axudas ao desenvolvemento rural", afirma Somoza, quen alerta da deriva das políticas europeas e do seu impacto nas explotacións familiares "que manteñen o rural vivo en comarcas, nas que a produción de carne é case a única actividade". Mais tamén desde o sector lácteo temen o impacto. "Estamos loitando para, polo menos, poder producir nas mesmas condicións", resume Carlos Dablanca, produtor de leite en Palas de Rei, na Ulloa. Fai parte dunha sociedade que conta con 550 cabezas de gando. "Con este tratado o que van conseguir é cargarse as explotacións medianas e pequenas. Nós non podemos competir con América, nin en prezos nin en condicións laborais. Aquí temos normativas moi estritas, que cumprimos para producir alimentos de gran calidade que deberan ter un prezo superior. E van vir produtos con menos calidade e moi competitivos en prezo".

O Goberno español pide "confiar" no trato comercial

Baixo os lemas 'En defensa do campo que alimenta a Europa', 'Cando o campo se levanta, Europa detense. Non a Mercosur' ou 'Se o campo non produce, a cidade non come', miles de gandeiros marcharon esta cuarta feira polas rúas de Madrid para rexeitar o tratado de libre comercio entre a EU e Mercosur, un acordo para o que Pedro Sánchez, reclamou confianza desde o Congreso.

Durante a súa comparecencia para dar conta de diversos asuntos internacionais instou o sector agrogandeiro mobilizado a confiar e crer no acordo comercial. "Despois de máis de 20 anos, que a Unión Europea fose capaz de asinar un acordo importante cos países do Mercosur, é unha extraordinaria noticia para Europa, e sen dúbida tamén o é para España", subliñou, ao tempo que se amosou comprensivo coas dúbidas e preocupacións dos agricultores. Porén, enxalzou as cláusulas de salvagarda aprobadas na terza feira na Eurocámara e  que permitirán dificultar ou suspender a entrada de produtos americanos "se se considera que poida danar" os produtores comunitarios.

Na rúa, os manifestantes censuraron a posición do PSOE e do PP e exixiron aos representantes políticos frear un acordo que "arruína" o agro, os agricultores e gandeiros, mais tamén as persoas consumidoras.

Comentarios