As tractoradas exixen suspender o pacto da UE con Mercosur tras a súa xudicialización

O PP, que votou esta cuarta feira no Parlamento Europeo en contra de levar á Xustiza o tratado da UE con Mercosur, dá marcha atrás e reclama agora ao Executivo español que non o aplique. Moncloa quere a súa aplicación, aínda que estea recorrido no TXUE. O BNG exixe escoitar o sector gandeiro e frear o tratado. 
Protestas do sector agrogandeiro na contorna da Muralla de Lugo contra o acordo comercial da UE con Mercosur, o pasado 14 de xaneiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Protestas do sector agrogandeiro na contorna da Muralla de Lugo contra o acordo comercial da UE con Mercosur, o pasado 14 de xaneiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente do Partido Popular español, Alberto Núñez Feixoo, deu esta quinta feira marcha atrás na postura dos populares ante o tratado da Unión Europea con Mercosur tras as mobilizacións do sector gandeiro na Galiza e  tras votar a Eurocámara levar o tratado á Xustiza para  ditaminar a súa legalidade.

Feixoo publicou esta quinta feira nas redes sociais que "solicita formalmente ao Goberno do Estado e á Comisión Europea a non entrada en vigor de Mercosur até que haxa plena certeza de que se aprobarán as garantías que necesita o campo". Unha mensaxe despois de que todos os eurodeputados do PP –tamén o galego Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, polo que o PP fixo campaña na Galiza– votasen en contra de xudicializar o acordo. Fixérono a pesar da fractura dentro do Partido Popular Europeo, posto que un importante número de eurodeputados e eurodeputadas do grupo decidiron apoiar a proposta de enviar o acordo de libre comercio  ante a Xustiza comunitaria. Unha iniciativa que votaron BNG e Sumar e membros doutros partidos da UE.

"Comprendo que a situación xeoestratéxica aconsella formalizar unha alianza entre a UE e América Latina, mais a posición do PP non cambiou. A entrada en vigor de Mercosur só pode producirse unha vez que se aprobe un procedemento para que as cláusulas de protección sexan automáticas", dixo o líder do Partido Popular.

Desde a Xunta da Galiza sinalan a Nós Diario que agardan "coñecer, coa maior axilidade posíbel, a resolución do tribunal. Tamén nos gustaría saber, canto antes, se finalmente o acordo se vai aplicar de forma provisional, como todo parece indicar por decisión da UE, e en que termos, posto que o regulamento das salvagardas, que inclúe unha serie de reforzos e proteccións para o sector agrogandeiro, non está aprobado".

Desta maneira, a oposición desmárcase da postura do Goberno español, que manifestou en varias ocasións a súa intención de aplicar o acordo -asinado o pasado 17 de xaneiro en Paraguai- de maneira provisional, aínda que se recorra á Xustiza. O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, remarcou que o Grupo dos Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo "pedirá á Comisión Europea que active a aplicación do acord0 de forma provisional". Nunha entrevista concedida na CRTVG esta quinta feira, destacou que "cre nunha Galiza competitiva, que mira ao exterior e aos países irmáns do Mercosur". 

O Executivo español engadiu que os procedementos, mesmo coa petición de opinión ao TXUE, "permiten a súa entrada en vigor provisional en canto un Estado de Mercosur o ratifique". "Seguiremos traballando cos nosos socios e con Mercosur para manter o impulso e avanzar na entrada en vigor deste acordo, que é de grande importancia  especialmente nestes momentos de inestabilidade xeopolítica", remarcou o Ministerio  de Economía.

O BNG pide rectificacións

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se mantivese "cos brazos cruzados" e "abandonase os gandeiros e as gandeiras" galegas nun "momento crítico no que se están xogando a supervivencia das súas explotacións cun acordo co Mercosur que é letal para o sector". "Se realmente o señor Rueda quere defender os nosos gandeiros e gandeiras ten a oportunidade de facelo e de demostralo pedíndolle aos eurodeputados do Partido Popular, en particular aos que din representar Galiza, que rectifiquen e voten en contra do  tratado do Mercosur". Pontón defende a postura do BNG, "que promoveu" esta decisión. "Aínda que isto non paraliza o tratado, si abre unha vía de presión para desbotar o tratado". Avanzou, ademais, que o BNG levará unha iniciativa ao próximo Pleno do Parlamento galego para que o PP teña "a oportunidade de rectificar a súa traizón", sinalou

Seguen as mobilizacións

O sector gandeiro valorou "positivamento" que se recorra á Xustiza, aínda que mantén a cautela porque non está descartado o acordo ao 100% e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) pode darlle luz verde na súa sentenza. Aínda así, a día de hoxe o acordo está suspendido e non pode entrar en vixencia.

 A diferenza de Lugo, onde as asociacións gandeiras desconvocaron as manifestacións, en Ourense continúan: "De momento seguimos con tractoradas que cortan a N-120 porque queda moito máis por conseguir. É un avance, pero estamos reivindicando máis", sinala a Nós Diario, Aarón Fernández, gandeiro en Montederramo (Terra de Caldelas). Con todo, "o máis probábel", é que nos vindeiros días "os tractores se retiren porque levamos xa bastante tempo e moitos necesitámolos para traballar", apunta, aínda que reitera "que non é porque tomen a decisión da Eurocámara como unha vitoria". Tamén continúan as protestas noutros puntos do Estado como Castelló (País Valencià). Na Unión de Pequenos Agricultores (UPA) tamén seguirán manifestándose. Consultados por este xornal, protestarán pola cadea alimentaria e os custos de produción.

PAC e DNC, outras preocupacións do sector

Os recortes da Política Agraria Común (PAC) é outra das reivindicacións do sector. Para o período de 2028 até 2034 estímase que cada agricultor podería chegar a perder entre 4.000 e 8.000 euros, unha diminución desta axuda ao campo que xa provocou mobilizacións.

A enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) é outro dos temas que preocupa ao sector. Aínda que na Galiza non se rexistraron casos, só en Catalunya no Estado español,  os gandeiros piden que se vacine o gando como medida de prevención antes de que chegue a primavera. "O Goberno do Estado comunicounos que non se podía autorizar ás comunidades a vacinación porque era unha normativa europea", di Aarón Fernández . Só se permite a vacinación se hai casos rexistrados na explotación gandeira. A Xunta mantén as medidas de prevención até febreiro.

Xosé González, de 26 anos, traballou na gandaría de seu pai e está estudando incorporarse ao sector pola súa conta. Ante a realidade que vive o sector, González sinala que "sendo honestos todo isto non axuda a que a xente nova que quere traballar no rural". "Toda a traba burocrática quita a ilusión. Eu estou empezando pero teño plan B e C", destaca a Nós Diario. "Vou loitar por isto pero non vou estar contra a marea todo o tempo", confesa. Entre as súas preocupacións está a Dermatose Nodular Contaxiosa, xa que "un positivo na explotación implicaría o sacrificio de todo as cabezas de gando". Reclaman máis seguridade. 

Comentarios