A patronal aplaude as rebaixas de impostos que propón Feixoo: "Temos unha relación magnífica"

Como presidente da Xunta xa rebaixou os impostos ás grandes fortunas.
Alberto Núñez Feixoo e Antonio Garamendi, reunidos esta terza feira. (Foto: David Mudarra / PP)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Antonio Garamendi, reunidos esta terza feira. (Foto: David Mudarra / PP)

O presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, reiterou esta cuarta feira que comparte co presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, a "conveniencia" de realizar unha rebaixa fiscal, ao tempo que considerou que no momento actual "aínda se poderían baixar máis impostos temporalmente".

Garamendi, que esta terza se reuniu con Feixoo, pronunciouse deste modo en Valencia, nun acto no que se lle preguntou por esa xuntanza. "As medidas que me presentou onte [pola terza] o presidente do PP compartímolas, díxeno onte. Non só as compartimos, levamos anos dicíndoo", apuntou, sobre unhas propostas do líder popular que cualificou de "lóxicas".

"Neste momento, o Estado está a recadar máis como consecuencia da inflación", dixo, e afirmou que a patronal sempre tivo unha "boa relación" co PP; tamén co propio Feixoo, con quen a relación é "magnífica".

"Coñézoo desde hai moitos anos. É un gran presidente da Galiza e un gran líder do PP. É unha persoa con moita experiencia e teño que dicir que me levo fenomenal", declarou.

De feito, Núñez Feixoo propuxo esta cuarta feira unha redución do IRPF das rendas medias e baixas con ingresos inferiores a 40.000 euros e unha rebaixa "urxente" do IVE da luz e do gas a "4% ou 5%, tal e como permite Europa".

A respecto das rebaixas fiscais, esta segunda feira a presidenta do PSOE a nivel estatal, Cristina Narbona, instou Feixoo a "detallar" o seu "plan de baixada xeneralizada de impostos", así como as súas consecuencias: "Díganos que impostos quere reducir e como pretende compensalo, que servizos públicos quere recortar".

Aliás, acusouno de "beneficiar as grandes fortunas" da Galiza como presidente da Xunta e puxo como exemplo a rebaixa en 25% do Imposto sobre Patrimonio ás fortunas superiores a 700.000 euros, alén das exencións para rendas de menos de 16.000 euros, que ficaron en 40 céntimos.

Comentarios