Galiza encabezou a caída do emprego por conta propia no Estado no último ano. Mentres no país reducíronse en 1.889 os traballadores autónomos , no total estatal medraron en 13.
O sector do comercio retallista encabezou a caída dos postos de traballo, co feche de 992 estabelecementos en todo o territorio galego desde xuño de 2022
As altas do RETA
Galiza fechou xuño de 2023 con 206.539 persoas de alta no Réxime Especial de Autónomos (RETA). A cifra representa 1.889 traballadoras e traballadores por conta propia menos que en xuño de 2023, unha rebaixa que se sitúa en 1%.
O groso da destrución do emprego autónomo no país concentrouse en xaneiro e abril, sendo superior en 426 persoas o número de homes que cesaron na actividade.
A cifra de autónomos medrou no Estado nese período en 13 cotizantes. Mentres a finais de xuño de 2022, o RETA rexistraba 3.351.368 persoas inscritas, esta cifra aumentaba a 30 de xuño a 3.351.381 , marcando unha alza de 0,1%.
A caída dos traballadoras e traballadores por conta propia superou na Galiza o total estatal, avanzando unha liña que arranca desde o comezo da Grande Recesión en 2009.
Unha tendencia comezada en 2009
A tendencia deste último exercicio situouse na liña comezada en 2009. Se a volta de xaneiro dese ano Galiza dispuña de 232.112 persoas ocupadas por conta propia, 13 anos despois reducíronse a 206.539 , perdéndose nese período 25.573 empregos.
Os diversos estudos apuntan a unha amplo bolsa de falsos autónomos na Galiza, cifrándoa a profesora da Universidade Carlos III de Madrid, Raquel Carrasco e a súa compañeira da Universidade de Alcalá, Virginia Hernanz en “30% do total de autoemprego na Galiza”.
A caída do emprego autónomo concentrouse, especialmente, no sector do comercio retallista con 1.464 persoas menos de alta no RETA.