Aleixo Vilas

"A nosa economía padece graves problemas estruturais"

Esta cuarta feira no #VenhanMais5 é a quenda do economista Aleixo Vilas.

Aleixo Vilas

-Como avalías o estado actual da economía galega?

-No 2017 estase a consolidar un ciclo económico de crecemento posterior á crise, debido fundamentalmente ao contexto expansivo internacional e ao auxe do turismo, porén isto non debe impedirnos ver a permanencia de graves problemas estruturais que padece a nosa economía, e que tiveron especial virulencia durante a crise, como podemos comprobar de seguido.

A caída do esforzo en innovación -auspiciada polos recortes do Partido Popular- é dramática. O mercado laboral defínese pola precarización e pola incapacidade de inserir a xente moza, que en numerosos casos vese forzada á emigración. O sistema financeiro perdeu o carácter semipúblico e galego que proporcionaban as caixas, por non falarmos da perda de galeguidade do Banco Pastor e o Banco Gallego, e as consecuencias da reestruturación financeira están a se manifestar en maiores dificultades no acceso ao crédito e un espolio do aforro galego sen precedentes. Tamén podemos salientar que sendo produtores excedentes de enerxía eléctrica, non obtemos como país ningún beneficio.

No plano político, padecemos un goberno galego que non aposta en explotar as capacidades do país, que é submiso ante os vetos e limitacións impostas a sectores produtivos básicos, non aposta por un máis que necesario cambio de modelo produtivo e acepta un modelo de financiamento que non nos permite dotarnos de recursos suficientes nin para garantir uns servizos públicos de calidade nin para impulsar e reorientar as nosas actividades económicas. Mentres, o goberno estatal atende os intereses dos lobbies madrileños e ten Galiza como unha das últimas prioridades, tal e como podemos constatar por exemplo no retraso das infraestruturas.

Xa que logo, trátase dunha economía fortemente golpeada pola crise económica, da cal aínda non se recuperou, e, mesmo encarando un ciclo positivo, permanecen problemas estruturais que nos amosan un crecemento con pés de barro.

Creo que Sermos está ben orientado, polo que as melloras pasan por poder incrementar a súa dimensión –e con iso os seus contidos-

-Que evolución agardas no plano económico/laboral galego a cinco anos vista?

-Polos problemas sinalados anteriormente, a capacidade da economía galega de xerar un desenvolvemento endóxeno é pouco menos que nula. Xa que logo, podemos atoparnos cun período de crecemento froito do ciclo económico, porén coas limitacións xa sinaladas, que impedirán un desenvolvemento sostido no tempo. O eido laboral virá caracterizado polo incremento da precariedade e pola incapacidade para xerar emprego mesmo nun contexto económico favorábel. Ademais, as desigualdades sociais irán en aumento, froito dunha relación cada vez máis perversa e inxusta entre o capital e o traballo e do absoluto desleixo gubernamental coas políticas redistributivas.


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-En primeiro lugar agardo que o Sermos siga vivo e con boa saúde, xa que son consciente das inmensas dificultades que implica impulsar un proxecto xornalístico como é o Sermos. Por suposto, agardo que manteña a súa liña editorial centrada nun enfoque galego sobre a actualidade do país, con información crítica, alternativa, e en galego -algo imposíbel de atopar noutros medios-, e agardo que incremente a súa penetración e incidencia social. Creo que o xornal está ben orientado, polo que as melloras do Sermos pasan por poder incrementar a súa dimensión –e con iso os seus contidos- e por estar ben atento aos movementos que se suceden no país en todos os ámbitos.
 

Comentarios