Entidades sociais e sindicatos lanzan unha campaña contra a fusión de Caixabank e Bankia

Organizacións de todo o Estado, como a CIG na Galiza, demandan a creación dunha banca pública e opinan que a unión destas dúas empresas financeiras dificulta esa opción.

 

Imaxe da xunta extraordinaria que aprobou a fusión de Caixabank con Bankia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Imaxe da xunta extraordinaria que aprobou a fusión de Caixabank con Bankia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

Esta sexta feira organizacións sociais e sindicais de todo o Estado español, representadas na Galiza pola CIG, veñen de promover un manifesto de oposición á fusión de Caixabank e Bankia que foi aprobada onte na xunta extraordinaria da primeira entidade.

Baixo o título “Non á fusión Caixabank-Bankia” os colectivos pretenden recoller sinaturas para impulsar a creación dunha banca pública e paralizar esa unión.

O manifesto pode asinarse na páxina web www.bancapublica.org/ca e xa conta co apoio de numerosas plataformas como a da Banca Pública ou a Asociación para a Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Cidadá.

Segundo destacou hoxe a CIG, no documento que asinan explican que a fusión “afasta a posibilidade de que se cree un banco público e diminúe a competencia ao aumentar a concentración bancaria”.

Igualmente, no texto lémbrase que este cambio no mercado bancario vai aumentar “a inestabilidade do sistema ao crear entidades demasiado grandes e incontrolábeis e empeora as condicións para as persoas usuarias porque se incrementan as comisións se reducen os servizos e o acceso ao crédito”.

Ademais, o sindicato fai fincapé na destrución de emprego que vai implicar a unión porque fecharán oficinas, tamén na Galiza, e haberá traslados de persoal.

Xunto a isto denúnciase a enorme destrución de emprego que provoca; a redución da obra social, de forma alarmante, e a diminución do control social.

Na presentación desta iniciativa, a responsábel do sector Financeiro da CIG-Banca, Rosa Conde, alertou de que "os grandes bancos privados do Estado español están controlados por fondos de investimento estadounidenses que posúen a maior parte do seu accionariado e que o que queren é rendibilidade por enriba de todo". Isto vai dificultar os préstamos a pequenos aforradores e á cidadanía en xeral.

Comentarios