Ecoloxistas advirten da parada de varios parques eólicos na semana de máis demanda e prezos máximos da luz

A asociación ambiental Petón do Lobo e a asociación galega Cova Crea veñen de dirixirse á Xunta e á Asociación Eólica da Galiza para coñecer os motivos polos que eólicos localizados nas comarcas do Deza e Tabeirós Terra de Montes levan días sen funcionar.
Monte Carrio, comarca do Deza (Foto: Petón do Lobo).
photo_camera Monte Carrio, comarca do Deza (Foto: Petón do Lobo).

Colectivos ecoloxistas advertiron nos últimos días a falta de actividade dos parques eólicos do monte Carrio, arredor de 30 máquinas, entre Vila de Cruces e Lalín, e os do monte do Couto de San Sebastián, entre Silleda e A Estrada. "Están parados e con todas as máquinas freadas, a pesar da especial aptitude eólica destas áreas", explican nun comunicado.

Por este motivo, a asociación ambiental Petón do Lobo mais Cova Crea interpelan á Consellaría de Industria e á Asociación Eólica da Galiza para coñecer as razóns que levaron os parques a deter a súa actividade.

Varios días sen funcionar

"Chama a atención que nunha semana cos prezos da luz á alza, os parques eólicos do monte Carrio, polo menos os das compañías Gamesa e Ibedrola, leven sen funcionar varios días", salientan, o mesmo que os eólicos do monte do Couto de San Sebastián.

Neste sentido, entenden que a cidadanía debe coñecer se se trata dunha parada programada das compañías, "ademais dos motivos polos que se realiza e se hai convenio ou concerto entre as empresas mercantís dos parques afectados para que isto ocorra".

O negocio enerxético está por diante da sostibilidade

Os colectivos en defensa do medio natural urxen explicacións por parte do conselleiro Francisco Conde e instan á Administración á apertura dunha investigación.

"Puidera darse o caso de que instalacións renovábeis con recurso dispoñíbel, gratuíto e non contaminante como é o vento, non estean funcionando, de forma que isto xere un incremento do prezo da electricidade ás familias galegas, o que demostraría, unha vez máis, que o negocio enerxético está por diante da sostibilidade", reflexionan, "e que as empresas enerxéticas carecen da responsabilidade social corporativa da que fixeron tanta publicidade durante a campaña de Nadal".

As paradas programadas dos parques eólicos con fins lucrativos deberan sancionarse duramente

As asociacións ambientalistas piden ás enerxéticas que sexan conscientes da gratuidade do vento e da paisaxe, dous recursos que están a "usucapir no seu propio beneficio", polo que as paradas programadas dos parques eólicos con fins lucrativos, recalcan, "deberan sancionarse duramente".

Por último, reclaman á Xunta a retirada da cualificación de utilidade pública daqueles parques eólicos que non cumpran coas regras da libre competencia e programen paradas eólicas que "alteren á alza os prezos da luz para as familias galegas".

Comentarios