O prezo da luz dispárase 75% no mes de xaneiro

O prezo diario do mercado coñecido como ' pool' situouse nos 72 euros por megawatt hora ( MWh) na primeira quincena de xaneiro, o que representa un subida do 75% a respecto do mesmo período de xaneiro do ano pasado e do feche de decembro.

O prezo da luz abeira un novo record.
photo_camera O encarecemento do prezo da luz volveu pór no debate a tarifa eléctrica galega.

Segundo estimacións dos analistas de Grupo ASE, en caso de prolongarse esta situación de prezos altos da electricidade, as empresas con contratos eléctricos indexados 100% a ' pool' que teñan un consumo similar ao de hai un ano notarán unha subida do 35% no seu recibo da luz.

Esta tendencia alcista, especialmente na última semana, xorde a raíz do crecemento da demanda eléctrica do 7%, ao que se uniu, xunto cunha xeración eólica moi baixa, o maior protagonismo dos ciclos combinados de gas (CCG).

Neste sentido, o prezo do gas e das emisións de dióxido de carbono (CO2) en máximos -por encima de 35 euros por tonelada de CO2- elevaron os custos de produción dos ciclos combinados e repercutiron nas súas ofertas.

Igualmente, os analistas do grupo ASE consideran que tamén a hidráulica aproveitou a súa flexibilidade. No caso concreto do gas, só nove meses despois de marcar mínimos históricos, os seus prezos situáronse en máximos históricos.

Así, o índice de gas JKM asiático elevouse un 300%, o prezo de referencia de gas en Europa (TTF) subiu un 80% e o español (Mibgas) un 150%. Asia está a vivir a onda de frío máis extrema en 60 anos, co que a súa demanda enerxética se elevou bruscamente e provocou un desabastecemento sen precedentes durante a borrasca, tras desviar cara alí os cargamentos.

Segundo a consultora, no Estado español experimentouse unha elevación maior do prezo do gas e da electricidade que no resto de países europeos porque se conta cunha menor cantidade de gas almacenado e porque se depende máis do aprovisionamento por barco. Ademais, destaca que Alxeria forneceu menos gas do esperado, ao derivar parte para cargar barcos dirixidos a Asia.

Para a evolución a futuro do prezo da electricidade, o grupo ASE cre que as condicións climatolóxicas "van ser determinantes", aínda que esperan que esta situación "se corrixa conforme ascendan as temperaturas, os cargamentos de GNL vaian chegando ás terminais e o gas por gasoduto incremente a súa inxección".

Tarifa eléctrica galega

O encarecemento da factura da luz volveu pór no debate político e social a tarifa eléctrica galega, tendo en conta que a Galiza exporta ao redor do 40% da enerxía que produce e que soporta un dos prezos da luz máis caros do Estado español.

Tamén Portugal sufriu unha repunta significativa da factura eléctrica, feito que motivou que o Executivo portugués vaia sufragar de maneira directa 10% do total do prezo da luz, coincidindo, ademais, co inicio dun novo confinamento.

Comentarios