A "tormenta perfecta" sobe o prezo da luz

Baixas temperaturas e aumento do consumo eléctrico para iniciar 2021 coincidiron cunha forte suba do prezo da luz. Malia o caro do servizo, continúan os cortes de subministración no rural que a Ucgal explica pola falta de mantemento por parte das empresas. A solución, para esta entidade, é sempre denunciar.  
Liña eléctrica da compañía Naturgy durante este temporal de frío e neve (Naturgy)
photo_camera Liña eléctrica da compañía Naturgy durante este temporal de frío e neve (Foto: Naturgy)

O prezo da luz disparouse neste comezo de 2021, alcanzando os 18,4 céntimos por quilowatt hora (kWh) coa tarifa regulada (PVPC) do día de onte, coincidindo coa presenza no noso país, e en toda Europa, dun forte temporal que está a deixar temperaturas extremas. Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal), explica a Nós Diario que "son prezos públicos a partir das poxas que pode consultar calquera" e indica que na actual situación "coincidiron unha serie de elementos que conformaron unha 'tormenta perfecta' agora mesmo".

Explica que "hai un aumento da demanda impresionante motivado polo temporal de frío" que coincidiu cunha "menor produción de renovábeis, moito máis económicas, como consecuencia de non contar cos elementos que a favorecen". Por último, afirma que "hai que sumar a existencia dun mercado de prezos marxinalistas, nun contexto no que o Gas Natural sobe dunha forma impresionante, e máis no Estado español, que temos máis dependencia de Arxelia que dos gasodutos do norte como o resto dos países de Europa". 

Alerta coas ofertas do mercado libre

Desde Ucgal non descartan outros factores alleos relacionados coas poxas. "Confío en que se hai, dalgunha maneira, algunha sospeita por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) de que nas poxas destes días puidera haber algún elemento estraño, como ocorreu no pasado cando se chegaron a abrir expedientes de sanción", pensa López Crespo, "seguro que o fará". 

Para a Ucgal é fundamental, en todo caso, "falar tamén de cando baixa a electricidade". O seu secretario xeral pon como exemplo que 2020 foi "o ano en que a luz estivo máis baixa dos últimos dez". Neste sentido alerta de que "máis de 60% da poboación galega mudou ao mercado libre para pagar a luz máis cara". Argumenta que a luz "non estará cara todo o ano para as e os que estamos no mercado regulado" polo que un mesmo prezo anual impide as baixadas que ten previstas para os vindeiros meses. "Nunca hai que entrar no tema do prezo porque nunca será máis barata no mercado libre, outro tema é contar con determinadas empresas por outros motivos".

Cortes de luz este 2021 no rural galego

Seguen as queixas no rural polo mal servizo e os cortes de luz, mesmo en datas sinaladas ou en municipios con temperaturas extremas. No primeiro dos casos temos como exemplo Faxilde, en Vilagarcía de Arousa. A asociación de veciños denunciou que na noite da véspera de Reis varias casas do lugar sufriron cortes na subministración eléctrica de até 40 minutos de duración.

Peor foi no municipio da Veiga, onde o seu alcalde, Juan Anta, denunciaba nas redes sociais que o concello quedou sen luz a pasada quinta feira. "Gañan millóns de euros pero non gastan nin un euro en ter alternativas ás avarías", aseguraba cualificando o tema de "vergonzoso". Doce horas máis tarde volvía a electricidade após denunciar a situación "ao secretario xeral de Industria, delegado do noroeste de Naturgy e xerente de Eléctrica Alberguería".

Na Veiga, ese mesmo día as temperaturas alcanzaron os -10 graos. Anta cre "imprescindíbel determinar a responsabilidade e asumir as consecuencias" porque "o colmo é que nos territorios onde se xera riqueza nos discriminen", en referencia a que nese concello contan cunha central hidroeléctrica. 

En relación ao problema dos cortes de luz, desde a Ucgal botan en falta máis reclamacións por parte das e dos consumidores. "Non é normal que no rural un dos aparellos electrodomésticos máis comúns sexan os grupos electróxenos", relata López Crespo, "pagan o mesmo prezo pola luz que calquera nunha cidade ou vila e teñen que andar a mercar gasolina porque saben que cando neva un pouco quedarán sen luz", engade. 

Os cortes de electricidade, para esta entidade de consumidoras e consumidores, "é sempre por falta de mantemento, como a caída de árbores que rachan os cables e deixan sen servizo toda unha zona". Estas circunstancias son cada vez máis habituais e non se reducen no tempo. Por este motivo desde Ucgal afirman que a solución non é política, senón de reclamar os dereitos que temos.

"Non vale cun chío en Twitter para denunciar unha situación, moitas empresas saben que non lles vai afectar á imaxe, o mellor é denunciar". Neste caso desde esta entidade sinalan que formalizar a reclamación "é de balde" por contar cun acordo coa Xunta neste sentido. "Non é tanto pola cantidade que se recibe polos danos, é para que non volva pasar", sentenza.

Comentarios