Ence aumenta os seus beneficios en 2022

O encarecemento da materia prima, a celulosa, e a alta demanda dos derradeiros meses: as causas que argumenta Ence para o aumento de beneficios.
A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Ence rexistrou un beneficio neto atribuído de 13 millóns de euros no primeiro trimestre de 2022, fronte ás perdas de 9,6 millóns de euros que rexistrou no mesmo período do exercicio anterior.

Segundo a compañía, este cambio de tendencia tivo como causas o encarecemento da materia prima, a celulosa, e a alta demanda dos derradeiros meses.

Precisamente, o prezo da celulosa é 60% superior ao do primeiro trimestre de 2021. En abril, o prezo superou os 1.200 dólares/tonelada. As previsións apuntan a subas adicionais, até os 1.250 dólares/tonelada.

Os ingresos da pasteira nos tres primeiros meses de ano ascenderon a 234 millóns de euros, cun incremento de 40% con respecto a hai un ano. 

Situación da compañía en Pontevedra

O consello de administración da empresa sinalou que este aumento dos beneficios é chave para enfrontar os "retos" que lle agardan á compañía. En concreto, referiuse á situación da factoría que Ence mantén na ría de Pontevedra.

Neste sentido, o consello afirmou sentir "positivismo" pola permanencia da planta de Lourizán, apoiándose na admisión a trámite, por parte do Tribunal Supremo (TS), de dous recursos de casación contra as sentenzas ditadas pola Audiencia Nacional sobre a anulación da prórroga extraordinaria da concesión da compañía en Pontevedra. 

Ence xa comunicou en varias ocasións que esgotará todas as vías xudiciais en defensa da legalidade da prórroga extraordinaria da concesión, acordada polo Goberno de Mariano Raxoi mentres aínda estaba en funcións, "sempre, e como non podería ser doutro xeito, desde o absoluto respecto ás decisións da Xustiza e aos cursos que esta estabelece".

Comentarios