Economistas da USC demostran que os eólicos non xeran emprego onde se emprazan
A fundación canaria César Manrique vén de encargar un estudo ao grupo de investigación de Bioeconomía, Economía Ecolóxica e Recursos Naturais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre os impactos sociais, económicos e enerxéticos do desenvolvemento eólico. A investigadora principal do proxecto é a profesora do departamento de Economía Aplicada da USC e colaboradora de Nós Diario Rosa Regueiro, que dirixe un equipo formado por persoal investigador universitario e profesionais independentes.
Regueiro, autora en 2010 da primeira tese de doutoramento sobre a eólica na Galiza, sinala a este medio que “o traballo se centra no impacto social e económico das enerxías renovábeis”. Neste punto, destaca que “os beneficios desta actividade recaen nas grandes empresas que producen enerxía renovábel, sobre todo eléctrica e avanza que “os parques eólicos mariños van ser para as mesmas empresas enerxéticas que colocan os parques eólicos terrestres, cuxa actividade é moi intensiva en capital pero non en emprego”.
Un estudo elaborado pola propia Regueiro en 2022 concluía que "88% da enerxía eólica instalada na Galiza é propiedade de fondos de investimento estranxeiros". Así, explicaba que "se pode observar que os grupos enerxéticos, como Iberdrola, Enel Endesa e EDP, están vinculados, xa que teñen os principais accionistas en común, o grupo estadounidense Blackrock. Outro tanto acontece con Acciona e Enel, de cuxo capital fai parte Capital Research". Nesa dirección, concluía que "o resultado é que a propiedade dos complexos eólicos na Galiza está principalmente en mans de grupos empresariais multinacionais que se dedican á enerxía, á banca e aos investimentos diversos”.
Torcuato Teixeira, xurista especializado en dereito pesqueiro, voceiro da Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños e colaborador de Nós Diario, é unha das persoas que integra o equipo dirixido por Regueiro. En declaracións a este xornal, Teixeira afirma que “está acreditado que os proxectos eólicos non xeran beneficios para as comunidades locais”.
Nesta dirección, lembra que “un estudo do Banco de España, institución nada sospeitosa de estar contra as enerxéticas, desvela que naquelas zonas onde se instalan parques eólicos o aumento do emprego é insignificante, de carácter puntual e limitado ao período no que se constrúe o parque”.
“Estas instalacións e empresas non son xeradoras de emprego máis alá do que son as obras de montaxe do parque”, afirma Teixeira, que advirte dos “postos de traballo que destrúen noutros sectores económicos”. A este respecto, alerta da situación que se xeraría “no caso de ir adiante as instalacións da eólica mariña nos seus actuais emprazamentos, algúns deles proxectados en zonas de importantes bancos de pesca onde traballa a nosa frota, o que poría en risco a viabilidade dun sector estratéxico para a nosa economía como é o pesqueiro”. E engade Regueiro: “Na miña opinión, toda instalación eólica, sexa terrestre sexa mariña, non se vai destacar pola creación de emprego porque non ten esa capacidade”. A profesora da USC apunta que “as empresas que se dedican a construír as instalacións eólicas son sempre as mesmas en todos os proxectos”. Ao tempo, desvela que, “no referido ao mantemento e na xestión diaria dos parques, o numero de empregos é altamente especializado e non é elevado, non caracterizándose estas actividades por unha ampla xeración de emprego, senón por todo contrario. Non son intensivas en emprego”.
Regueiro amosa tamén a súa preocupación polo impacto dos desenvolvementos da eólica mariña no sector pesqueiro. A este respecto, refírese aos “estudos do Instituto de Investigación Mariña de Noruega sobre os efectos da eólica mariña na pesca, uns estudos pioneiros elaborados por algúns dos mais recoñecidos especialistas, que están alertando sobre o impacto destas instalacións nos movementos dos bancos de peixe”. Nesta orientación, considera que “o impacto sobre a pesca pode ser moi importante”.
Eólica mariña
“O impacto na actividade pesqueira da eólica mariña vai ser brutal”, asegura Teixeira, indicando que “as zonas que se están reservando na Galiza para a eólica mariña son precisamente aquelas onde están os mellores caladoiros”. Neste punto, asegura que “o impacto será terríbel de instalárense eses polígonos” e crítica a ausencia de “estudos científicos sobre os impactos na pesca das zonas que se seleccionaron para erguer os complexos de eólica mariña”.
"Os parques eólicos non xeran beneficios económicos nin emprego no territorio onde se emprazan”, conclúe Regueira, insistindo en que “os beneficios van e irán para as empresas, agás que haxa unha revolución normativa que obrigue a que os beneficios queden no territorio, que as empresas sexan dese territorio ou que se estabeleza un prezo bonificado da electricidade para os territorios produtores. En definitiva, pór en marcha as medidas e as políticas que non se aplicaron na Galiza”.
Canarias pide á Galiza estudar o impacto da eólica
O proceso de transición enerxética e o desenvolvemento das enerxías renovábeis está marcando o debate social do Estado. Precisamente, a preocupación e as resistencias diante destes proxectos en Canarias levou á Fundación César Manrique a encargar ao grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela un estudo sobre os impactos sociais e económicos da eólica mariña terrestre e mariña na
illa de Lanzarote.
A aposta por un equipo galego para realizar este traballo representa un recoñecemento da capacidade e da solvencia dos investigadores e das investigadoras do país no ámbito das renovábeis. A este respecto, Rosa Regueiro explica a Nós Diario que a Fundación César Manrique “optou por nós tendo en conta a nosa experiencia investigadora no campo das enerxías renovábeis”.
Regueiro apunta que a investigación "terá unha duración de arredor de 18 meses, pero imos ir achegando datos a medida que os vaiamos obtendo". Explica que este ano estarán en Lanzarote "levando as nosas valoracións e obtendo información de parte de todos os axentes, xa que será crucial. Finalmente haberá un informe que será exhaustivo e completo sobre o impacto e o desenvolvemento económico e enerxético dos parques eólicos marítimos e terrestres".


