Despiden en Vigo a dúas traballadoras por denunciaren acoso laboral

A sección da CIG na empresa Unísono de Vigo denuncia o despedimento de dúas traballadoras logo de remitiren un escrito perante a dirección, co gallo do acoso laboral sufrido por parte da supervisora da campaña de Gas Natural.

As persoas empregadas en Unísono e as delegadas da Confederación Intersindical Galega -CIG, concentráronse onte fronte ás instalacións da empresa de telemárketing afincada na Gran Vía de Vigo, logo de que dúas das súas traballadoras fosen despedidas por denunciaren o “trato humillante” recibido pola responsábel de Gas Natural.

A pasada sexta, a CIG presentou un escrito ante a dirección de Unísono no que demandaban a readmisión das empregadas, mais non obtiveron resposta. Non obstante, o responsábel de recursos humanos da empresa, mantivo unha xuntanza con persoas afíns á supervisora de Gas Natural -segundo fontes da CIG, remitindo ás traballadoras a desestimación das súas acusacións e rexeitando a readmisión das mesmas.

Nunha concentración desenvolvida onte, entre as 12.00 e as 13.00 horas, arredor de medio cento de persoas traballadoras e delegadas sindicais, exixiron a readmisión das dúas empregadas, baixo o lema “Non máis represión en Unísono”. As representantes sindicais da CIG, denuncian que a empresa de telemárketing procura instaurar un réxime de terror na campaña de Gas Natural á fin de maximizar os seus beneficios, “en menoscabo da dignidade, a saúde e o dereito a traballar das persoas”; pois no canto de investigar o acoso recibido pola supervisora de Gas Natural, “a empresa decidiu despedilas inxustamente”.

A secretaria da sección sindical na empresa Unísono, manifestou hoxe que continuarán coas concentracións de protesta, así como presentarán unha demanda xudicial polo despedimento improcedente das dúas traballadoras e contra a represión na empresa.

 

Comentarios