O despedimento de CaixaBank afecta na Galiza 1 de cada 10 empregados

Implica por volta de 100 saídas dun persoal de 830 empregados.

Imaxe da xunta extraordinaria que aprobou a fusión de Caixabank con Bankia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O despedimento de 8.291 persoas anunciado por CaixaBank no conxunto do Estado implica ao redor de 90-100 saídas en Galiza dun persoal global de 830 empregados (contando Bankia, que achega uns 120 traballadores e traballadoras), segundo os datos que manexa CCOO

En declaracións a Europa  Press, o portavoz do sindicato Xoan Carlos Viveiro mostrouse "sorprendido" por algunhas das condicións que trasladou a dirección, como que só aceptará que a metade das saídas sexa de empregados maiores de 50 anos, o que "eliminaría boa parte da voluntariedade" nas saídas.

De acordo cos datos ofrecidos pola entidade, esta "pecharía unha de cada catro oficinas" e ademais despediría "un de cada cinco empregados", datos que viu en parte " extrapolábeis" a Galiza, menos no referente ás sucursais, debido a que dependerá da duplicidade con Bankia, que será maior en territorios como Madrid.

Ademais, critica que "as condicións ofertadas están moi lonxe de calquera outra proposta que se fixo no sector financeiro" e cualifícaas de "absolutamente  kafkianas", pois "non convidan a unha saída".

Son, de feito, "un insulto a un persoal que en plena pandemia tivo a totalidade das oficinas abertas dando servizo salvo aquelas con positivo entre compañeiros".

O cento de traballadoras e traballadores afectados que calculan para o caso galego "é moitísimo e sobre todo nestas condicións", evidencia Viveiro. Así, incide en que a organización sindical considera que esta formulación "son condicións de derriba".

"As limitacións abocan a que teña que haber despedimentos forzosos e cando falan de  meritocracia trátase dun eufemismo para que a empresa elixa", censura. Por todo iso, remacha que "é unha provocación e unha falta de respecto".

A idade media do persoal en Galiza, no caso de  Caixabank, está nuns 45 anos, segundo estima, o que avanza unha "dificultade terrible de que atopen outro emprego" no caso de que se vexan obrigados a deixar a entidade.

Comentarios