Consello da Xunta

A Xunta declara "iniciativa empresarial prioritaria" unha planta de hidróxeno verde en Arteixo

Situarase no polígono de Morás e contará cun electrolizador de catro módulos de 5 MW cada un, cunha capacidade produtiva efectivo media de 2.982 toneladas de hidróxeno verde ao ano.
A UE agarda que o hidróxeno verde represente en 2050 até 15% do 'mix enerxético'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Para a súa produción usarase enerxía eléctrica de orixe totalmente renovábel xerada no parque eólico Monteagudo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno galego autorizou hoxe a declaración como iniciativa empresarial prioritaria do proxecto Arteixo H2V, impulsado pola sociedade Accionaplug —promovida por Acciona Energía e Plug Power— para a construción dunha planta de xeración de hidróxeno verde neste concello da comarca da Coruña, cun investimento de 49,3 millóns de euros. A planta, que se situará no polígono de Morás, contará cun electrolizador de catro módulos de 5 megawatts (MW) cada un, cunha capacidade produtiva efectivo media de 2.982 toneladas de hidróxeno verde ao ano.

Para a súa produción usarase enerxía eléctrica de orixe totalmente renovábel xerada no parque eólico Monteagudo —de nova construción— complementado con enerxía proveniente da propia rede eléctrica a través dun acordo de compra de enerxía (PPA). As instalacións contarán con espazos para produción, almacenaxe, compresión e dispensado de hidróxeno, subestación eléctrica e liña de conexión entre a subestación da planta e a de Morás.

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, salientou a Xunta, alegando que supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros —serán 49,3 millóns— e de creación de emprego mínimo —estipulado en 25 postos de traballo directos, exactamente os que contempla o proxecto—, e, segundo remarcan desde San Caetano, complementa cadeas de valor e pertence a sectores estratéxicos.

A nova declaración aprobada no Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente, subliña o Executivo galego, "todas as garantías xurídicas durante o procedemento".

23 iniciativas prioritarias

Deste modo, son xa 23 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Fornos de Lamastelle (Carballo), Harmonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candeas (Lugo), e Bioenerxía A Coruña (A Laracha).

Ás que se suman as de Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Kern Pharma (Monforte de Lemos), Queserías Entrepinares (Vilalba) Granja Campomayor (Palas de Rei), a planta de Universal H2 (As Pontes), a planta biotecnolóxica In Proteins for All en Curtis; o centro de Borgwarner en Nigrán, e agora esta planta en Arteixo.

Comentarios