Antonio Dieter Moure

"Débese correxir o desequilibrio existente entre a periferia e o interior de Galicia"

Esta sexta feira Venhan Máis Cinco conversamos con Antonio Dieter Moure, ex presidente da Confederación Empresarios de Galicia e actual director do colexio Valle Inclán de Ourense. 

Antonio Dieter

-Como avalías o estado actual da economía galega?

-A situación de economía galega non é moi diferente a doutras autonomías, xa que se atopa afectada polo que coñecemos por economía global, se ben é certo que as estimacións de crecemento están no entorno de 2,5 por cento, debemos seguir a traballar na innovación, xa que isto fará as nosas empresas máis competitivas mellorando sen ningunha dúbida a nosa capacidade exportadora. Non debemos de esquecer que os sectores do metal, pesqueiro e conserveiro, entre outros, son vitais para a nosa economía e ningún deles se atopa de costas ás novas tecnoloxías. Pero todo isto atoparase no seu punto álxido no momento en que os seus beneficios se trasladen ao benestar social; así mesmo coido que se debe corrixir o desequilibrio existente entre a periferia de Galicia e o interior, o entorno rural galego ten un potencial  moi importante e hoxe témolo un pouco esquecido por non dicir marxinado. 

Moitas pingas de auga coma a de Sermos fan que Galicia co paso do tempo poda ser o país que todos os galegos queremos

-Que evolución agardas no plano económico/laboral galego a cinco anos vista?

-Falar de futuro e máis a cinco anos é unha tolería, eu podo dicir o que a min me gustaría que sucedese, pero aínda así voume atrever a facer un diagnostico. Creo que seguiremos medrando, pero coma dixen antes ese crecemento ten que se trasladar aos traballadores xa que se a sociedade galega non recebe os resultados dese crecemento pódese poñer en perigo a paz social restando desa maneira potencial ao crecemento do país. Non debemos de esquecer que a sociedade galega debe ser o máximo beneficiario dese crecemento.


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Coido que debedes seguir no camiño que tendes marcado, ser un referente da maneira de pensar en galego, defendendo os intereses do país á marxe de intereses e especulacións, pensando en galego e facendo Galicia, que moitas pingas de auga coma a vosa fan que Galicia co paso do tempo poda ser o país que todos os galegos queremos.
 

Comentarios