ECONOMÍA

Sancións e multas a operarias por se mobilizar en defensa dos seus empregos nunha conserveira arousá

Sancións e multas a operarias por se mobilizar en defensa dos seus empregos nunha conserveira arousá

Desde hai meses as operarias de Conservas Cuca, en Vilaxoán, están a se mobilizar para que a empresa lles garanta que o traslado da factoría ao Grove non vai implicar despedimentos. As traballadoras están a recibir sancións e multas por manifestacións e mobilizacións.

conservas Cuca

As mulleres, e en concreto as mulleres que traballan na conserva, están a levar o facho da loita obreira na Ría de Arousa. Rachando con prexuízos e desmontando máis dunha visión pecha sobre o xénero nas mobilizacións operarias. O relevo da loita de Alfageme colleuno Cuca, cuxas operarias levan meses de mobilización na defensa dos seus postos de traballo.

A empresa propietaria, a vasca Garavilla, quere trasladar a produción e maquinaria de Cuca (sita en Vilaxoán) a O Grove, onde xa posúe instalacións. As traballadoras queren garantías por escrito de que se manterán os postos de traballo, tanto das fixas, como das fixas-discontínuas e as eventuais. Até o de agora, a empresa non deu resposta a esa solicitude.

Sen tregua

Desde xaneiro,e nun caseto ao pé da factoría de Vilaxoán pagado polas propias traballadoras, o cadro de persoal organízase en quendas de 24 horas cunha finalidade: Impedir o traslado da maquinaria da factoría para O Grove. Dispostos a manter esa actuación até que a empresa chegue a un acordo coas representantes das traballadoras.

E ao longo destas semanas, as operarias convocaron e protagonizaron diversas mobilizacións e protestas. Así, máis dun milleiro de persoas concentráronse en Vilaxoán en apoio ás operarias.

Froito dalgunhas das manifestacións, como unha realizada hai unhas semanas en Compostela, algunhas das traballadoras está a recibir estes días notificacións de sancións e multas (de noventa euros) após ser identificadas pola Policía.

“Que defendan o emprego, non a quen o destrúe”

Esta semana, no Xulgado do Social de Pontevedra vaise realizar a vista oral polo conflito colectivo. As operarias non están dispostas a se render. E avogan por unha maior implicación da administración na defensa dos postos de traballo.

O sector conserveiro é un piar no tecido industrial de comarcas como a do Salnés e Barbanza, onde representan centos de postos de traballo, ocupados na súa inmensa maioría por mulleres. Desde hai anos, este sector está sometido a un proceso de deslocalización, coa conseguinte destrución de empregos.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios