As consecuencias do 'Prestige' 20 anos após o sinistro, a análise na Eurocámara

Ana Miranda leva a Bruxelas o debate sobre a seguranza marítima.
Suso de Toro, Xurxo Souto, Xosé Manuel Pereiro, Ana Miranda, Adela Figueroa, Ana Pasantes, Luisa Gerpe e Santiago Pérez, esta cuarta feira (Foto: Xurxo Lobato).
photo_camera Suso de Toro, Xurxo Souto, Xosé Manuel Pereiro, Ana Miranda, Adela Figueroa, Ana Pasantes, Luisa Gerpe e Santiago Pérez, esta cuarta feira (Foto: Xurxo Lobato).

A eurodeputada do BNG Ana Miranda deu comezo esta cuarta feira no Parlamento europeo á xornada 20 anos do accidente do Prestige: Análise da seguridade marítima en Europa. Miranda enxalzou a figura do que tamén fora representante da formación nacionalista en Bruxelas, Camilo Nogueira, a quen sinalou como "fundamental para a loita contra a catástrofe do Prestige". 

Nogueira, a continuación, lembrou que o mesmo día en que tivo consciencia do desastre visitou Muxía, o que lle levou a loitar pola creación do Comité Temporal Especial sobre seguridade marítima no seo da Unión Europea (UE), iniciativa que prosperou.

A francesa Marie Toussaint, eurodeputada de Europe Écologie, resaltou a necesidade de "respectar o dereito da natureza e dos seres vivos a través do recoñecemento do delito de ecocidio no dereito da UE para evitar máis impunidade en accidentes como o do Prestige". 

Un suceso que, dixo Adela Figueroa, ex presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), "afectou até 126 áreas de Rede Natura da UE desde o Miño até o canal da Mancha". 

Despois deste desastre ambiental, explicou Ana Pasantes, mariscadora de Camariñas, "pasamos de ser 120 a 60 no sector na nosa localidade pola caída da produtividade". Pasantes demandou a defensa do marisqueo, "unha actividade extractiva de baixa intensidade que permite unha explotación sostíbel", contra ameazas. 

Sobre a xestión do accidente, o artista Xurxo Souto afirmou que era obvio que "o barco debería ter sido levado a un porto refuxio". Porén, explicou o escritor Suso de Toro, o presidente do Estado español daquela, José María Aznar, "estaba ausente" polas relacións exteriores no marco da guerra do Iraq, e deixou a xestión ao vicepresidente, Mariano Raxoi, "que tiña medo de tomar decisións", sinalou. "A mobilización era a única estratexia posíbel ante unhas Administracións que nos estaban traizoando", explicou sobre a actividade da Plataforma Nunca Máis un Suso de Toro visibelmente emocionado.

Seguridade marítima

Unha traxedia cuxas consecuencias poderían ter sido diminuídas, pois segundo Jacob Terling, da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, "agora é obrigatorio que cada Estado membro teña portos refuxio estabelecidos aos que levar os barcos accidentados e persoas capaces de manexar a situación, unha lexislación que tería diminuído en gran cantidade as consecuencias da catástrofe de estar implementada naquela altura”, explicou. 

Terling tamén destacou que "o accidente do Prestige formou o desenvolvemento da política de seguridade marítima da UE nos últimos 20 anos e a creación da  Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA)". Algo corroborado por Frederic Hebert, xefe da Unidade de Sostibilidade da  EMSA, que afirmou que "os Estados non querían unha institución como a EMSA que actuase nunha materia da súa competencia e o suceso do Prestige provocou que puidese saír adiante".

Pola súa parte, o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, sentenciou que "o que impomos aos buques europeos debémolo facer cumprir tamén a aquelas embarcacións que chegan ás nosas augas, e para iso temos que empregar e estender o poderoso aparato lexislativo da UE".

Galaxia lembra o 'Prestige' a través de tres novos libros

A Editorial Galaxia anunciou esta cuarta feira en Vigo a publicación de tres libros con motivo do vixésimo aniversario do accidente do Prestige, co obxectivo de "construír un relato colectivo" da catástrofe.

Tal como subliñou o director xeral da editorial, Francisco Castro, que participou na presentación xunto ao secretario de Adega, Roi Cuba, este mes fanse 20 anos do afundimento do Prestige, polo que Galaxia quixo contribuír coa publicación destes tres títulos na construción do relato colectivo daquela catástrofe ecolóxica "que marcou un antes e un despois na sociedade e que permanece aínda na memoria de todos".

En concreto, Galaxia lanzou ao mercado Prestige. 20 anos x 20 voces, de autoría colectiva; Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro; e Cando choraron as Cíes, de Santi Domínguez.

Comentarios