luns 25.05.2020

As autónomas seguen á espera da axuda da Xunta após o peor dato de afiliacións

Galiza é dos poucos territorios sen axudas directas para o colectivo de traballadoras autónomas.
Galiza perdeu 54 autónomas ao día o pasado mes de abril (Arxina).
Galiza perdeu 54 autónomas ao día o pasado mes de abril (Arxina).

Galiza rexistrou o pasado mes de abril o peor dato de afiliación de traballadoras autónomas, concretamente a maior caída desde que hai rexistros. Perdeu 1.629 traballadoras inscritas no Réxime Especial de Traballadoras Autónomas, que queda con 206.411 cotizantes.

Desde a Federación de Autónomos de Galiza (Feaga) sinalan que esta cifra supón que o mercado laboral galego perdeu "cada día de abril 54 autónomas", un dato que na práctica é moito maior, xa que nesta estatística non computan os centos de autónomas que están a percibir do Estado español a prestación por cese de actividade, xa que, como lembran desde Feaga, están obrigadas a seguir dadas de alta para cobrar a axuda.

En opinión da federación galega de autónomas, as cifras poñen de manifesto a necesidade dun "cambio radical" nas políticas públicas. Entre as medidas que propoñen están a rebaixa nas cotizacións, a redución da presión fiscal ou a axilización do período de pago a provedores por parte das Administracións. 

No caso das autónomas galegas a situación é máis dramática pola falta de iniciativas por parte da Xunta. O Executivo presidido por Alberto Núñez Feixoo ten a  triste singularidade de ser, xunto cos de Murcia, Estremadura e A Rioxa, o único que non articulou medidas de apoio directo a un colectivo que representa unha boa parte do tecido produtivo galego. 

Sen rastro de axudas

A única medida adoptada pola Xunta para aliviar a difícil situación que están pasando as autónomas galegas foi a de cancelar as amortizacións dos préstamos do Igape. Realmente é un adiamento, xa que as beneficiarias deberán regularizar os pagamentos pendentes a partir do mes de xullo. Nada de axudas directas. Só as que ofrece o Estado español, máis áxil e sensíbel que o galego neste aspecto.

A falta de axudas da Galiza é especialmente grave, non só pola situación na que quedan as autónomas, que ven no feche a única alternativa aos danos que lles está a provocar a crise sanitaria derivada da COVID-19 (de aí os datos de afiliacións), senón tamén polo agravio comparativo cos demais territorios

En Catalunya, por exemplo, a Generalitat creou un fondo de 7,5 millóns para axudar as autónomas con até 2.500 euros. En Madrid, as axudas acadan os 3.200 euros, ademais de asumir as cotas de marzo e abril. Na veciña Castela e León, as autónomas perciben 60 euros ao mes durante seis meses mais 40% da cota á Seguridade Social. As autónomas que non puidesen acollerse ao subsidio por cese de actividade reciben do Executivo rexional 427 euros de axuda. Cantabria creou un "cheque resistencia" que consiste nunha axuda de entre 150 e 300 euros semanais mentres dure o estado de alarma e sempre que os negocios manteñan a media de persoal e se comprometan a reabrir en menos de dez días desde que se suspenda dito estado. En Asturias, 32 millóns de euros para axudas de até 400 euros ao mes. 50 millóns de orzamento en Andalucía, 75 en Baleares, un plan de 586 millóns en Euskadi... números que sacan os colores a calquera. Na Galiza, por desgraza, o único que sacan son cotizantes á Seguridade Social.

comentarios