As autónomas foxen do endebedamento

A Xunta lanza as primeiras axudas directas con catro meses após decretarse o estado de alarma
Restaurantes en Compostela (Arxina).
photo_camera Restaurantes en Compostela (Arxina).

A Xunta vén de abrir o prazo para acceder ao denominado cheque 'Seguimos Adiante', unha axuda destinada a traballadores e traballadoras autónomos  para, supostamente, recuperar a actividade após o parón provocado pola pandemia da Covid-19.

Case catro meses despois de que se decretase o estado de alarma, o Executivo galego lanza unha liña de axudas directas para este colectivo, un dos máis castigados pola crise do coronavirus. De feito na Galiza perdéronse no primeiro semestre 1.908 cotizantes no réxime de traballadores por conta propia, un dato só superado por Madrid (6.031) e Canarias (1.946).

Detrás desta información está o feito de que a Galiza foi dos poucos territorios que non optou por dar axudas directas ás e aos autónomos para que puidesen manterse a flote nos peores meses do confinamento. No canto de cubrir as cotizacións das traballadoras ou axudalas cos gastos do local, a Xunta preferiu habilitar unha liña de créditos con intereses bonificados e catro anos de prazo de amortización. Mais as autónomas, xa afogadas por uns gastos fixos aos que é difícil facer fronte sen ingresos, preferiron fuxir do endebedamento.

Como indica a Nós Diario o responsábel da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) na Galiza, Rafael Granados, optar por esta vía "sería facerse o propio nó da forca". "Ninguén se vai aventurar a pedir algo sen a certeza de que o pode cumprir", engade. Por iso moitas optaron por fechar e acollerse ás axudas ao cese de actividade do Goberno español. A cuestión é que sen outros incentivos non serán poucas as persoas que decidan non retomar a actividade.

Respecto á nova liña promovida pola Xunta, o presidente de ATA Galiza sinala que servirá para fomentar o comercio electrónico, no que as autónomas galegas "non estabamos tan actualizadas como deberíamos".

Con todo, pensa que o Goberno galego debería ter apostado nas axudas directas para cubrir gastos fixos, como fixeron moitos concellos galegos, e facelas "o máis áxiles e accesíbeis posíbel".

Os 1.800 euros para software ou para ter presenza nunha plataforma de comercio online local non parece que vaian evitar que Galiza siga a perder traballadores e traballadoras autónomas.

Comentarios