domingo 19/09/21

Os xubilados superan os ocupados en Ourense

O problema demográfico é unha realidade. Ourense é a única provincia do Estado español onde as pensionistas superan as afiliadas á Seguridade Social. Segundo os datos do mes de xullo, por cada persoa xubilada rexístranse 0,97 ocupadas, acompañándoa nos postos de cola Lugo, con 1,08 ocupadas por cada pensionista. 
O índice de avellentamento incrementouse en 5,7 puntos en 2020. (Foto: Europa Press)
O índice de avellentamento incrementouse en 5,7 puntos en 2020. (Foto: Europa Press)

A 1 de xullo deste mesmo ano, 106.890 ourensás e ourensáns aparecerían rexistrados como pensionistas, mentres que as persoas ocupadas -aquelas con traballo remunerado ou que exercen unha actividade independente- situábanse en 103.933, sendo superior a poboación receptora dalgún tipo de prestación que a afiliada á Seguridade Social. Malia que os datos de Ourense son únicos no conxunto da Galiza e do Estado español, Lugo séguelle os pasos de perto, con 1,08 empregados por cada xubilado, un número que adianta unha situación análoga á de Ourense en pouco tempo. Estas cifras son agardadas desde hai anos e certifican unha tendencia nesa dirección.

A poboación galega maior de 65 anos duplica a porcentaxe da menor de 16 anos, até o punto de non superar esta o 12% do conxunto do censo en 244 municipios. Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan as menores de 30 anos en 233 concellos galegos, significando o 40% do número total de residentes en 78 localidades e chegando a máis do 50% en Calvos de Randín, Gomesende, O Irixo, Lobeira, San Xoán de Río, A Teixeira, Verea e O Bolo.

As excepción son as áreas metropolitanas das principais cidades do Eixo Atlántico e algunhas localidades costeiras das Rías Baixas.

O pasado mes de xullo o Instituto Nacional de Estatística (INE) sinalou que en 2020 a Galiza volveu rexistrar un novo máximo nivel de avellentamento, cun incremento de 5,1 puntos a respecto do ano anterior, chegando ao 207,3%, isto é, 207 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Porén, esta cifra disparouse nas comarcas ourensás, cun índice de 303,7% e nas luguesas, con 273 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Así as cousas, nas últimas dúas décadas, o índice de avellentamento medrou na Galiza en 58 puntos e 29 nos últimos 10 anos, evidenciando unha progresiva tendencia á alza.

As previsións non dan pé ao optimismo. A este respecto, as proxeccións demográficas do INE para o período 2018-2033 indican que, de manterse a tendencia actual, a Galiza pode perder até esa data 138.799 persoas, o 5,3% da súa poboación, e ficar en 2.564.491 residentes. Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, que é a diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén é negativo, até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1000 habitantes. Segundo o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois “estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.

As causas do devalo demográfico

As causas do devalo demográfico da Galiza son complexas. Así, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do volume A morte de Galicia, Isidro Dubert, considera que “as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento”. Na mesma liña, Rubén Lois sitúa a causa do problema demográfico actual nas “emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta, que non teñen efectos inmediatos, e no afundimento do vello complexo agrario”. Pola súa banda, os xeógrafos Xosé Constenla e Xosé Antonio Vázquez sitúan “o gran cambio demográfico” nos anos 60 e lembran que desde aquela “sucédense episodios de estancamento, redución e leves recuperacións que se tornaron xa nun descenso en todas as provincias a partir de 2011”.

A profesora de Economía da USC María Cadaval entende que “a caída da natalidade, o incremento da esperanza de vida e a retroalimentación das entalladuras na pirámide de idades causada polos movementos migratorios dan coma resultado unha estrutura demográfica avellentada e con escasa renovación xeracional”. Na mesma liña, sinala que “demografía e economía están ligadas estreitamente e os seus efectos son bidireccionais. Por unha banda, as perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade e aos movementos migratorios e, por outra, as tendencias da poboación teñen consecuencias de calado sobre a marcha da economía”.

A maioría das persoas expertas consideran que a situación é reversíbel. A este respecto, un documento elaborado para o Foro Económico da Galiza por Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval e Francisco Armesto, titulado Galicia 2040. Dinámica demográfica e cambio de paradigma. Novos escenarios da xestión social do envellecemento lembra como outros países conseguiron mudar estas tendencias en base a “incidir de xeito decidido nos factores de crecemento da economía, que se debe acompañar de cambios e a reorientación dos servizos públicos”.

Un problema estrutural

A tendencia demográfica da Galiza no último século é preocupante. A progresiva perda de poboación, que leva o país a representar en 1920 o 11% do total estatal fronte ao 5,78% actual, é un síntoma dun problema de fondo que require de mudanzas estruturais. A posta en marcha de políticas públicas que incidan na estrutura económica resultan chaves.

comentarios