A CNMC investiga posíbeis prácticas abusivas da banca

Competencia pon a lupa nos préstamos ICO após recibir denuncias de bancos que obrigan a contratar os seus produtos.
Un home pasa por diante dunha sucursal bancaria (Arxina).
photo_camera Un home pasa por diante dunha sucursal bancaria (Arxina).

A banca volveu facer uso das súas malas artes aproveitando a crise do coronavirus e a delicada situación pola que están a pasar as familias galegas. Segundo denunciou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que xa está a investigar estas prácticas abusivas, algunhas entidades bancarias están a colocar produtos propios, fundamentalmente seguros de vida, ás clientas que solicitan un dos préstamos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) que contan co aval do Estado español.

O organismo supervisor está a investigar se esta exixencia de garantías adicionais constitúe unha conduta desleal que, por falsear a libre competencia, afecta ao interese público nun contexto de crise derivada da pandemia de COVID-19, segundo explica a CNMC nun comunicado. Dita investigación iniciouse a partir das denuncias recibidas na caixa do correo para consultas sobre condutas anticompetitivas habilitada polo regulador co gallo do coronavirus. 

As entidades bancarias son as que canalizan estes préstamos, pero están a demostrar que, ao igual que aconteceu na anterior crise, priman os seus beneficios por riba do interese da poboación. De aí que sexan moitas as voces que reclaman a creación dunha verdadeira banca pública, coa que evitar este tipo de prácticas abusivas e garantir o acceso a financiamento dun xeito moito máis eficaz.

De feito, entre as denuncias tamén figuran advertencias neste sentido, nas que acusan as entidades de incumprir as condicións recollidas no Decreto aprobado polo Goberno español para a concesión dos préstamos, como a que impide empregar estas liñas de axuda para financiar créditos xa existentes.

Comentarios