O Comité de Ferroatlántica non acudirá á reunión convocada pola dirección. “Que desistan de vender as centrais”.

Considera un “insulto” a insistencia da empresa en manter unha xuntanza e manter a intención de se desfacer das hidroeléctricas.

ferroatlantica
Fotografía de Xurxo M. Rodríguez Baña
photo_camera Imaxe: CIG

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas acordou esta sexta feira non acudir á reunión convocada pola empresa para a vindeira segunda feira en Madrid. O Comité reiterou á dirección a súa disposición ao diálogo e á negociación dun plan industrial, “pero baixo unha premisa irrenunciábel: que a empresa desista publicamente da operación ilegal de venda das centrais hidroeléctricas e da segregación das actividades”.

Nun comunicado, o Comité considera “un insulto” a insistencia de Ferroatlántica en manter unha reunión mentres mantén a intención de vender as hidroeléctricas, “ignorando o clamor de toda unha comarca. Unha comarca que veu como os beneficios xerados serviron para potenciar e enriquecer outras empresas do Grupo no mundo, mais non para reinvestir na modernización e ampliación das capacidades produtivas das fábricas na Costa da Morte”.

O Comité considera que o "plan industrial" que pregoa a dirección “non é digno de tal nome”, xa que se fundamenta na venda das centrais hidroeléctricas e mais ben é “un verdadeiro plan de desmantelamento e reconversión”. O que si defende o Comité é un “verdadeiro plan industrial para Cee e Dumbría que deberá asentarse sobre unha base previa, clara e inequívoca na que a empresa respecte o actual marco legal, e polo tanto, desista, da venda das centrais hidroeléctricas e asuma a non segregación”.

Comentarios