O comité de Ferroatlántica convoca, co apoio dos alcaldes da comarca, greve e manifestación o 8 de xullo

ferroatlántica

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas consensuou con todos os alcaldes da comarca un calendario de mobilizacións en rexeitamento da segregación das actividades que pretende Villar Mir  ao tempo que instan a Xunta a non autorizar a mesma. No marco desta convocatoria hai nova xornada de greve de 24 horas para o vindeiro 8 de xullo.Tamén está previsto realizar unha manifestación en Compostela esa mesma xornada. Dende a representación social faise un chamamento a toda a veciñanza da Costa da Morte a acudir masivamente ese a día á capital galega, "e demostrar así que a comarca nin está disposta a someterse á chantaxe de Villar Mir nin vai tolerar que a Xunta cometa unha ilegalidade e unha inxustiza coa nosa bisbarra".

Ademais, nos días previos ao 8 de xullo grupos de traballadores  realizarán en varias etapas unha marcha a pé dende a fábrica de Brens até Santiago de Compostela.

O  Comité mantivo unha xuntanza esta terza feira cos alcaldes de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota, Corcubión, Fisterra, Muxía, Zas e Camariñas, para analizar a situación actual e acordar unha fronte común de actuación. Así, Comité e os alcaldes asinaron un manifesto conxunto, que remitirán á Xunta e no que amosan o rexeitamento á segregación das actividades e solicitan a non autorización da mesma. Ao tempo, reclaman que os beneficios xerados pola explotación dos recursos naturais se reinvistan na comarca, porque "a industrialización e inversión na comarca é unha demanda histórica, de xustiza social pola espoliación dos nosos recursos naturais". Lembran que Ferroatlántica explota recursos naturais de Galiza, beneficiándose de concesións públicas que están supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como da declaración de utilidade pública.

No manifesto conxunto sublíñase que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única e é unha obriga legal.

Comentarios