A CIG espera que a sentenza do TSXG sobre avaliación ambiental "sirva" para frear Altri: "Vai significar un antes e un despois"

"Un torpedo á liña de flotación e unha emenda á totalidade a esta carreira de depredación do país que o Partido Popular puxo en marcha" desde o Goberno galego. Así cualificou esta quinta feira o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a sentenza que anula a "privatización" da avaliación ambiental. A central sindical aproveitará a decisión do tribunal para reforzar a súa estratexia contra proxectos de "depredación" como Altri e a mina de Touro.
Paulo Carril, no centro, esta quinta feira na rolda de prensa. (Foto: Ricardo Suárez)
Paulo Carril, no centro, esta quinta feira na rolda de prensa. (Foto: Ricardo Suárez)

Paulo Carril, o secretario xeral da CIG, confiou esta quinta feira en que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que anula parte dun decreto da Xunta da Galiza por "privatizar" de forma parcial procedementos de avaliación ambiental, "sirva" para frear a celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). Acompañado de Anxo García, asesor xurídico da CIG, e de Alexandre Prieto, responsábel de Organización da CIG-Administración, Carril augurou un impacto "enorme" da sentenza nos proxectos que están actualmente en tramitación.

"Esta sentenza é unha emenda á totalidade a esta carreira de depredación do país que o Partido Popular, que o Goberno galego desde a época de [Alberto Núñez] Feixoo, puxo en marcha", afirmou Carril, que denunciou unha estratexia da Xunta "a través de dúas vías". A primeira, explicou, "a simplificación dos procedementos administrativos anulando os dereitos de participación pública coa aprobación de proxectos extraordinariamente agresivos para o país". 

En segundo lugar, continuou o secretario xeral da CIG, "a través da privatización dos servizos públicos anulando o labor dos empregados e empregadas públicas en favor de empresas privadas onde a imparcialidade e o interese público é inexistente".

Polo tanto, dixo o líder sindical, a sentenza é "un torpedo á liña de flotación da escalada dos cambios normativos que, como dicimos, se veñen aprobando xa desde a época de Feixoo". Neste sentido, destacou que a decisión do TSXG suporá un "pau" para a Xunta e "vai significar un antes e un despois" no ámbito da avaliación ambiental de proxectos.

Co decreto sobre entidades de colaboración ambiental, o Goberno galego, explicaron desde a central nacionalista, desenvolve a súa "práctica" de "compra de informes no mercado" para "satisfacer intereses espurios de empresas". Segundo criticou a CIG, previamente á aprobación desta normativa, no ano 2023, o Executivo galego "centralizou" os informes en Santiago de Compostela primeiro e estivo "a intimidar funcionarios" despois.

"Imos solicitar unha revisión exhaustiva de todos aqueles procedementos que desde xullo de 2023, cando foi publicado este decreto no Diario Oficial da Galiza, puideran ter sido utilizados para a tramitación de moitos proxectos extremadamente agresivos contra o noso país e que van neste camiño da depredación dos nosos recursos", anticipou o secretario xeral da CIG.

En primeiro lugar, Altri

A anulación parcial do decreto "afecta parques eólicos, proxectos mineiros... e Altri", destacou Carril, que entende que a Xunta vai ter que revisar as tramitacións desde 2023. Neste sentido, a organización sindical pedirá información pola vía administrativa sobre cales foron os proxectos que se beneficiaron do decreto agora tombado, e se no prazo de tres meses non a recibe, acudirá de novo á xustiza. 

A CIG ten constancia de que polo menos un informe sobre Altri, o relativo á captación de augas, "estaba feito por unha empresa externa", salientou Carril. "Por cautela entenderedes que non imos abrir moitas pistas, porque estarán a funcionar as destrutoras de papel e as estufas de leña queimando cousas para que non deixen rastro", ironizou.

"Iremos dando conta do que faremos, sobre todo a respecto de dous proxectos que hai neste momento enriba da mesa tremendamente lesivos, un deles o de Altri e o outro o da mina [de cobre] de Touro e O Pino, nos que imos a ter especial empeño pola repercusión que teñen, mais sen deixar de atender o noso compromiso nos demais, como por exemplo dentro da coordinadora Eólica Así Non", acrecentou. 

Polo tanto, proseguiu, "axiña o que faremos será unha solicitude de suspensión dos procedementos administrativos, entre eles, e en primeiro lugar, o de Altri. Agardamos que o Partido Popular e o Goberno Galego cumpran con esta sentenza, e no caso de non facelo, nos tamén nos reservamos exercer as accións legais oportunas, incluso na vía penal, se o PP segue obstinado en incumprir sentenzas xudiciais", manifestou o líder sindical.

A Xunta di que "foi un malentendido"

A Xunta avanzou esta quinta feira que interporá un recurso ante o Tribunal Supremo contra a sentenza emitida polo TSXG. Neste sentido, a CIG anticipou que pedirá a execución provisional da sentenza, ao entender a necesidade de evitar os "danos irreversíbeis" que se poidan derivar do desenvolvemento de proxectos que se beneficien do decreto agora tombado mentres non haxa firmeza da decisión do tribunal galego.

Sobre a sentenza, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurou esta quinta feira que "agora mesmo aínda non supón nada" porque o Goberno galego "non empezara a desenvolvelo [o decreto tombado]". Así se pronunciou a preguntas da prensa sobre esta decisión, para logo dicir que cre que "foi un malentendido".

"Porque estas entidades de colaboración témolas para urbanismo, para ITV... están desenvoltas noutras comunidades autónomas, como é o caso de Euskadi, Madrid e Catalunya", argumentou a conselleira. 

Ao respecto, Carril sinalou que "a sentenza é clarísima, e o que vén dicir é que efectivamente hai outros territorios do Estado onde existen colaboracións, mais hai un elemento fundamental que di antes, que unha cousa é complementar e outra cousa é substituír [a tramitación ambiental], como pasa no caso galego". "Creo que se expresa moi ben nese sentido", concluíu.

Comentarios