O TSXG desautoriza a Xunta e prohibe a vertedura de augas residuais das minas de San Fins
A resolución ten en conta o principio de precaución e destaca a afectación a zonas de Rede Natura.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión cautelar da autorización de verter ao río Pesqueira ou Rego de Rabaceiros augas residuais procedentes das minas de San Fins (Lousame, comarca de Noia), ditada por Augas da Galiza en febreiro de 2023.
A sección terceira da sala do contencioso-administrativo estima así a apelación interposta pola confederación Ecoloxistas en Acción contra a resolución do 30 de novembro de 2023 do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que denegou a solicitude de suspensión cautelar das verteduras procedentes da mina de estaño e wolframio.
Na resolución, con data do pasado 28 de febreiro, consta que as verteduras afectan a Rede Natura 2000, sen que a administración ou a mineira valorasen esa afección. Segundo a sentenza, "o principio de precaución que inspira o dereito ambiental supón que, ante tal incerteza, teña que adoptarse a protección do medioambiente respecto a zonas da Rede Natura 2000".
Nese sentido, destaca que o apartado 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello sobre conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres impón, en aplicación do principio de cautela, "que ha de quedar demostrada, antes da aprobación dun proxecto, a ausencia de efectos negativos en tales ámbitos, sen poder ser autorizado se existe incerteza, principio de precaución consagrado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea".
Sen DIA
A resolución indica que, neste caso, "non se realizou unha DIA (declaración de impacto ambiental) nin do proxecto de verteduras nin do mineiro, polo que resulta imrpescindíbel a adopción cautelar para evitar danos ambientais irreparábeis, que ha de realizarse con carácter previo á aprobación do plan ou programa".
Engade que os efectos da contaminación da ría Noia-Muros sobre a actividade económica da zona son, segundo a resolución, "indubidábeis, ao resultar notoria a afectación á actividade marisqueira, que constitúe un dos motores económicos da comarca, polo aumento dos metais pesados".
A sentenza non é firme e cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

