Ángeles Vázquez di que a sentenza que anula a “privatización” da tramitación ambiental da Xunta "non supón nada"
Di que "en absoluto" afecta á decisión de Altri e replica ao TSXG que "colaborar non quere dicir suplir", polo que ve "malentendido".
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurou esta quinta feira que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anula parte dun decreto da Xunta por "privatizar" de forma parcial procedementos de avaliación ambiental "agora mesmo aínda non supón nada" porque o Goberno galego "non empezara a desenvolvelo". Así se pronunciou a conselleira a preguntas da prensa sobre esta decisión. Neste sentido, dixo que cre que "foi un malentendido".
"Porque estas entidades de colaboración témolas para urbanismo, para ITV... están desenvoltas noutras comunidades autónomas, como é o caso de País Vasco, Madrid e Cataluña", argumentou.
Nesta liña, destacou que "en absoluto" afecta á decisión que finalmente tome a Xunta sobre o proxecto de Altri para Palas de Rei (A Ulloa), xa que "non ten nada que ver unha cousa coa outra".
Segundo indicou, que o Goberno galego "queira ter entidades de colaboración certificadas non ten nada que ver con ningún procedemento". "Agora mesmo non hai ningunha entidade certificada", engadiu.
Deste modo, ratificou que o Executivo autonómico presentará recurso pero profundou en que a sentenza "non inflúe no trámite de ningún establecemento que se queira instalar no territorio".
O que "quere" a Xunta, reiterou, "é ser aberta, ter colaboracións e ser máis áxil". "Imos ver o que acontece nun futuro", apuntou Ángeles Vázquez.
E é que, segundo incidiu, "a intención da Consellería de Medio Ambiente é esa colaboración público-privada", que, indicou, "debe estar regulada a través dunhas entidades que teñen que estar certificadas e que poden ser desde colexios ata centros". "Centros que han de ter un persoal especializado para que poida colaborar coa Xunta en certos ámbitos", proseguiu
