O TSXG anula a "privatización" da tramitación ambiental da Xunta da Galiza
O alto tribunal galego tomba un decreto do Goberno recorrido pola CIG.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou, nunha sentenza difundida esta cuarta feira, varios artigos do Decreto 102/2023, de 15 de xuño, a través do que o Goberno galego regulou as "entidades de colaboración ambiental" e creou un rexistro para elas e mais para un banco de persoas expertas en avaliación ambiental, ao entenderen os maxistrados que se tratou dunha "privatización da tramitación das avaliacións ambientais” que leva a cabo a Administración. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG tombou, nomeadamente, o artigo 27 e parte do 28, declarándoos “desconformes a Dereito”, en resposta a un recurso interposto pola CIG. O citado decreto "externaliza toda a tramitación da avaliación ambiental e a pon en mans da empresa privada” estes procedementos, sinala o auto do TSXG, ao que tivo acceso Nós Diario.
O actual procedemento que emprega o Goberno galego para tramitar proxectos como o de Altri na Ulloa, a mina de cobre da comarca de Arzúa ou diferentes parques eólicos permite que empresas privadas ou externas á Administración leven a cabo “varios fitos na tramitación do procedemento ambiental que implican materialmente o exercicio de potestades administrativas”. As "entidades de colaboración ambiental" autorizadas pola Xunta neste decreto son “quen analizan a suficiencia mesmo dos informes sectoriais preceptivos dos órganos administrativos que interveñen ou a necesidade ou non dun segundo trámite de información pública e consultas tras as modificacións no proxecto introducidas polo promotor".
Privatización dunha tramitación pública
Diante deste proceder da Xunta, os xuíces indican que todas esas funcións fanse "sen previsión de ningunha reserva de control, supervisión ou dirección a favor dos órganos administrativos que teñen encomendada xenuinamente esta función dentro das consellarías competentes". Desta forma, advirten de que os informes elaborados por estas entidades "non poden ser contrastados nin sometidos a crítica polo órgano que ten formalmente a facultade de decidir”, deixando o funcionariado competente legalmente para estes trámites “sen capacidade real de decisión".
O tribunal é moi claro na sentenza ao considerar que esta tramitación ambiental que a Xunta fai con entidades privadas "convértese nunha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental” pola cal unha empresa desenvolve “funcións que están reservadas a funcionarios públicos". Os maxistrados conclúen que as citadas entidades "non colaboran coa Administración, senón que suplantan a Administración durante nada menos que toda a tramitación da avaliación ambiental".
O TSXG recalca que a xurisprudencia "veta esta completa transferencia a unha empresa privada porque, en realidade, nos atopamos diante dunha abdicación da tramitación administrativa e, polo tanto, do exercicio da competencia, que é irrenunciábel para a Administración". Critica tamén que o decreto "non prevé ningún mecanismo de control da actividade externalizada" ás entidades de colaboración, e considera que deste modo "non hai ningún tipo de supervisión pública prevista para a análise feita por unha empresa privada ".
A CIG ve "vicio de nulidade" nos expedientes en curso
Diante da publicación da sentenza, Nós Diario púxose en contacto coa CIG, sindicato que formulou o recurso que a propiciou. O seu secretario xeral, Paulo Carril, sinalou en declaracións a este medio que o alto tribunal galego “abre a vía” a solicitar o “vicio de nulidade” para todas as tramitacións ambientais realizadas pola Xunta da Galiza ao abeiro deste decreto que agora é anulado de forma parcial. Para Carril, o feito de que os xuíces tombasen "partes fundamentais" desa norma, sinalando unha “privatización” dun servizo público, pon “baixo grande sospeita” todas as tramitacións feitas polo Goberno de Alfonso Rueda.
A Xunta da Galiza pode agora presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo, se ben fontes expertas en Dereito Administrativo consultadas por Nós Diario apuntaron que “é de prever que o Supremo confirme a sentenza” do TSXG, porque a xurisprudencia aplicada polo alto tribunal galego emana precisamente de sentenzas do propio Supremo. En concreto, dun caso da Confederación Hidrográfica do Júcar nunha tramitación ambiental cun contrato coa empresa pública Tragsa de por medio. “É a propia doutrina do Tribunal Supremo” a que se aplicou agora na Galiza, concretaron as mesmas fontes.