19.989 millóns de euros, a cifra de negocio das empresas con actividade na Galiza e sede fóra

Nove de cada dez (92,7%) dedicábanse a tarefas relacionadas coa prestación de servizos, mentres que o 7,3% restante pertencía ao sector industrial en 2021.
Nove de cada dez empresas dedícanse ao sector servizos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nove de cada dez empresas dedícanse ao sector servizos. (Foto: Nós Diario)

A cifra de negocio de empresas con actividade na Galiza pero sede social fóra do país medrou por volta de 9,7% no ano 2021, até alcanzar os 19.989 millóns de euros, segundo a Enquisa a empresas multilocalizadas que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística. Así, durante ese ano contabilizáronse 6.206 estabelecementos pertencentes a estas compañías, 17 máis que en 2020.

Nove de cada dez (92,7%) dedicábanse a tarefas relacionadas coa prestación de servizos, mentres que o 7,3% restante pertencía ao sector industrial. Estas instalacións deron traballo a unhas 110.397 persoas en 2021, das que 82,9% pertencían ao sector servizos e 17,1%, á industria. Entre 2020 e 2021, o número de persoas contratadas polos estabelecementos das empresas multilocalizadas na Galiza aumentou 4%.

En canto á cifra de negocio, que medrou 9,7%, a súa contía total repártese entre un 30,1% da industria e un 69,9% no sector servizos. O importe dos gastos de persoal dos estabelecementos radicados no país destas empresas foráneas supera os 3.485 millóns de euros, 4% máis que en 2020.

Entre outras variábeis, esta enquisa recolle que o principal factor que inflúe no investimento dos estabelecementos das empresas con actividade na Galiza e sede oficial noutros territorios é a evolución da demanda estatal, en 45,1% dos casos, seguida da evolución da demanda galega, con 25,7% de respostas neste sentido.

Comentarios