CCOO e UGT convocarán para o 14-N a folga xeral demandada pola CIG

As centrais estatais anunciarán este venres a convocatoria de Folga Xeral para o 14 de novembro. O secretario xeral Suso Seixo xa anticipara a principios deste mes a disposición do sindicato nacionalista a se adherir á convocatoria se CCOO e UGT daban o paso. A convocatoria era demandanda polo sindicalismo nacionalista galego desde o mes de maio.

Este venres CCOO e UGT anunciarán a convocatoria de Folga Xeral a nivel de Estado para o vindeiro 14 de novembro, tal e como se recolle en diversas informacións publicadas. Fontes sindicais galegas consultadas confirman que as dirección confederais das centrais sindicais estatais acordarán a convocatoria este venres. Porén, as mesmas sinalan que se trataría apenas unha ratificación formal e que “a decisión xa está tomada”. As estruturas territoriais de CCOO e UGT xa se puxeron en marcha de cara a preparar a xornada de paro.

Esta información vén a confirmar a que hai poucos días publicara Sermos Galiza facéndose eco, en exclusiva, das declaracións do secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO-Galicia, realizadas no marco da primeira xuntanza de traballo da Alianza Social Galega --que hoxe será presentada formalmente. “Que ninguén se leve a engano, vai haber folga en novembro” aseguraba Xosé Manuel Sanchez Anguión o pasado día once.

A data coincidirá tamén coas xornadas de folga xeral convocadas en Grecia, Portugal e Canarias. A decisión dos sindicatos estatais demorouse precisamente por mor da folga portuguesa. O motivo é que UGT manifestabase reacia a que o paro coincidise co convocado pola CGTP-IN e que a UGT portuguesa non apoia. Con todo, finalmente impuxose o criterio, maioritario no seo da Confederación Europea de Sindicatos (CES) da que tanto UGT como CCOO fan parte, de impulsar unha resposta de conxunto desde o sur de Europa.

A CIG sumarase á convocatoria

Malia que inda non se produciu un posicionamento oficial todo apunta a que a CIG se sumará á convocatoria. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, xa anticipou na súa intervención ao remate da mobilización realizada polo sindicato en Vigo o pasado 4 de outubro, coincidindo co inicio da campaña electoral, a vontade de se adherir á convocatoria de folga se finalmente CCOO e UGT daban o paso. Naquela altura, xa circulaba o 14 de novembro como posíbel data.

A CIG leva desde o mes de maio insistindo na necesidade de convocar unha nova xornada de paro fronte a crecente “ofensiva antisocial” do Partido Popular. Neste senso, a central galega mesmo propuxo a CCOO e UGT a posibilidade de convocar folga en Galiza o pasado 26 de setembro, coincidindo coa convocatoria da maioría sindical vasca en Euskadi, opción que as dirección galegas dos sindicatos estatais rexeitaron, deixando entrever que habería un anuncio neste senso após o as eleccións en Galiza e País Vasco.

Comentarios