Cae este domingo o prezo da luz un 4,61% e sitúase en 177 euros/ MWh

Cae este domingo o prezo da luz un 4,61% e sitúase en 177 euros/ MWh (Foto: Nós Diario).

Terceira xornada consecutiva en que baixa o prezo da electricidade no mercado almacenista. O prezo mínimo da luz para este 1 de maio darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 95,05 euros/ MWh.

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista baixa este domingo, 1 de maio, por terceira xornada consecutiva, cunha caída do 4,61% respecto a este sábado, e sitúase en 177 euros por megawatt hora (MWh).

En concreto, o prezo medio do 'pool' para este domingo situarase nos 177,86 euros/ MWh, o que supón uns nove euros menos que os 186,45 euros/ MWh de media deste sábado, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O prezo mínimo da luz para este 1 de maio darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 95,05 euros/ MWh, mentres que o máximo para a xornada será de 227 euros/ MWh e rexistrarase entre as 21 e 22 horas.

Respecto a hai un ano, o prezo medio da electricidade para este domingo será un 199,63% máis caro que os 59,36 euros/ MWh do 1 de maio de 2021.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada --o denominado PVPC e serven de referencia para fogares e empresas que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

Á espera da rebaixa acordada

A pasada terza feira os gobernos do Estado español e Portugal arrincaron un acordo coa Comisión Europea para poñer tope ao prezo do gas no mercado almacenista de electricidade da Península Ibérica, que se situará nunha media de 50 euros/ MWh nos próximos doce meses.

Con arranxo ao acordo alcanzado co Executivo comunitario, o prezo de referencia do gas fixarase, nun primeiro momento, ao redor de 40 euros/ MWh e marcará un prezo medio de 50 euros/ MWh ao longo dos 12 meses que estea en vigor, o que supón 20 euros máis do tope de 30 euros que propuxeron de saída o Estado español e Portugal.