Portugal pagou a luz 44% máis barata

Galiza ten o segundo prezo da luz máis caro da UE

O prezo da electricidade está disparado na Galiza. Segundo os datos da Oficina de Estatística Europea (Eurostat), a poboación galega pagou no último cuadrimestre de 2021 a segunda luz máis cara de toda a Unión Europea, só superada por Romanía. Malia partillar sistema eléctrico con Portugal, o prezo foi máis caro na Galiza.

Segue a evolución do prezo da luz en Nós Diario. (Foto: Europa Press)
photo_camera A factura da luz incrementouse para os consumidores 55% no último cuadrimestre de 2021. (Foto Europa Press)

A electricidade nos mercados grosistas encareceuse na Galiza en 425% no último cuadrimestre de 2021. As cifras ofrecidas polo Eurostat para toda a Unión Europea (UE) confirman un importante incremento da luz en todos os Estados do espazo comunitario, porén o seu alcance é diferente. Neste sentido, as causas da suba dos custos da electricidade apuntan a razóns de orde estrutural, moi ligadas á lóxica do funcionamento dos mercados na referida área económica.

O sistema de fixación de prezos está detrás deste problema. A este respecto, o membro do colectivo Bidán Fernando Branco sinala a Nós Diario que "o mercado eléctrico, por decisión política, é marxinalista. O prezo de cada hora vén marcado pola última tecnoloxía necesaria para xerar a enerxía coa que atender o consumo previsto".

 Nesa dirección lembra que no pasado mes de marzo "vimos como a tecnoloxía hidráulica foi quen marcou algúns dos prezos máis caros en varios días, cando a xeración hidráulica ten un prezo estimado de produción entre 3 e 7 euros/megawatts".

A profesora da Facultade de Económicas da  Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro expón a Nós Diario que a suba dos prezos "era algo anunciado no modelo marxinalista" e engade que "a bomba que supón este sistema e a fixación de prezos estourou porque é absolutamente ineficiente e non pode ser que hidroeléctricas e hidráulicas sigan cobrando por custos que non soportan pero que se lles remuneran".

55% máis cara a factura

A factura eléctrica incrementouse para os consumidores galegos en 55% entre os meses de setembro e decembro de 2021. Así, Eurostat recolle que o prezo medio da mesma foi na Galiza e no conxunto do Estado español de 35,23 euros por quilowatt a hora (kw/h), fronte aos 19,91 euros por kw/h de Francia, 29,74 euros de Italia, 32,53 euros de Alemaña, 19,11 euros de Finlandia ou 25,32 euros por kw/h de Suecia.

O estudo, realizado cando o Goberno estatal xa procedera a unha rebaixa de 10% dos impostos recollidos na factura, sinala que só daneses e belgas pagaron a luz máis cara que os galegos.

A situación empeora tendo en conta o poder adquisitivo dos diversos Estados da Unión Europea. Neste suposto, aplicando o Purchasing Power Standard (PPS), isto é, o mesmo poder adquisitivo a todos os Estados da UE, o prezo da electricidade no Estado español iríase até 29,99 céntimos de euros por kw/h, fronte aos 23 euros do kw/h de media do espazo comunitario.

Só por detrás de Romanía

Na mesma dirección, só rexistran na Unión Europea unha factura eléctrica máis elevada que no Estado español os romaneses, con 30,97 euros o kw/h.  As galegas e os galegos pagaron máis pola luz que os portugueses.

Malia partillar un mesmo sistema eléctrico e facer parte do denominado Mercado Ibérico da Electricidade, que estabelece unha mesma fixación de custos nos mercados grosistas, o impacto na factura foi diferente. Segundo Eurostat, os consumidores lusos pagaron de media 21,52 euros o kw/h fronte aos 35,23 euros que se pagaron no Estado español.

As razóns desta diferenza atópanse nos distintos conceptos incorporados na factura eléctrica dun e doutro Estado. A este respecto, Fernando Branco indica que "a factura eléctrica no Estado español é un caixón de xastre que inclúe aspectos que non son propios" e lembra que "o recibe da luz só debería conter custos propios, isto é, os derivados da xeración, transporte, distribución e comercialización, pero nunca custos alleos como acontece agora".

Branco pon o foco "no sobrecusto peninsular, nas primas ás eléctricas polas renovábeis e no déficit tarifario". "A electricidade en sistemas pequenos, como nas Illes Balears, Canarias, Ceuta e Melilla, é máis cara polo que o sobrecusto neses territorios vai nunha parte incluída na factura de todos os consumidores. Concretamente, 700 millóns de euros son sufragados vía orzamentos do Estado e a outra metade vía usuarios do conxunto estatal", apunta Branco.

7.000 millóns a renovábeis

O Estado entrega todos os anos ás empresas eléctricas 7.000 millóns de euros en concepto de primas pola xeración de enerxías renovábeis. Neste sentido, Branco lembra que "nun momento o Goberno estabeleceu unha liña de axudas para impulsar a xeración de enerxía de orixe solar e eólica. Este diñeiro dirixido a favorecer a implantación de enerxías verdes na contra de proceder dos orzamentos como incentivos industrias, que realmente é o que son, son pagados por todos os consumidores na factura da luz. E aquí estamos falando de 7.000 millóns de euros anuais".

Os consumidores achegan a través do recibo da luz 2.500 millóns anuais ás compañías eléctricas polo denominado déficit tarifario. A súa orixe está nunha decisión política do Goberno de José María Aznar, que decidiu trasladar ao futuro parte dos gastos de produción daquel momento, co obxectivo de non asumir o custo político dun incremento no prezo da luz. Branco entende que "urxe limpar a factura da luz de cargos que lle son impropios. Esta cuestión que se leva defendendo desde hai anos por parte do sindicalismo nacionalista é esencial para achegar o prezo da electricidade da Galiza ao dos nosos veciños europeos. Ademais sufragar estes cargos mediante o orzamento e non polo recibo da luz é socialmente máis xusto".

Comentarios