Análise

Valorando algúns datos da electricidade

Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
A pantasma da inflación campa ás súas anchas, amosando un incremento grave dos prezos. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A pantasma da inflación campa ás súas anchas, amosando un incremento grave dos prezos. (Ilustración: Álex Rozados)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) adiantou que o índice de prezos ao consumo sería de 9,8% en marzo de 2022, sendo 6,5% en decembro de 2021. Nun contorno convulso impactado pola guerra en Ucraína e polas sancións impostas a Rusia, resulta evidente que a pantasma da inflación campa ás súas anchas, amosando un incremento grave dos prezos, de orixe dispar: a saída do confinamento con escaseza de subministracións de bens esenciais e materias primas, o esgotamento de recursos naturais e minerais, a baixa produtividade, o exceso de liquidez derivado das políticas monetarias expansivas dos últimos anos, e o encarecemento dos prezos da enerxía, entre outros. Así, o Mercado Diario indicou que durante o 2021 o prezo medio da electricidade estivo en constante aumento, pasando de 60,16 €/MWh en xaneiro, a 65 €/MWh en abril, 92 €/MWh en xullo, 200 €/MWh en outubro e rematando o ano a 239 €/MWh.

Sobre isto, Eurostat, a axencia estatística europea, publicou recentemente os prezos da electricidade que tiveron que pagar os fogares dos países membros da Unión Europea no 2021. En comparación, os datos do INE son superiores porque só considera as subministracións da tarifa regulada para o cálculo. A metodoloxía empregada por Eurostat considera a tarifa regulada e a tarifa do mercado libre. Recórdese que a tarifa regulada é o prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC) que, paradoxalmente, está moi impactada polo incremento dos prezos no mercado eléctrico, sendo a tarifa de referencia para a obtención do Bono Social. Á espera de homoxeneización das metodoloxías, tanto os datos de Eurostat como do INE son válidos e necesarios, pois reflicten a complexidade dunha difícil problemática.

A Comisión Europea valorou medidas excepcionais para conter a escalada desorbitada dos prezos eléctricos, provocados tanto pola ineficiencia do propio sistema como por tensións xeopolíticas. As ameazas de fiscalizar os beneficios caídos do ceo ás empresas eléctricas, a limitación do prezo do gas ou a condición temporal de "península enerxética" para a Península Ibérica son as primeiras medidas a valorar. Unha especie de intervención do mercado eléctrico que pode dar como resultado que España e Portugal rexistren o prezo da electricidade máis baixo da Unión Europea. Unha actuación que pretende controlar as asimetrías do  sistema de fixación de prezos, que provoca sobrerremuneracións ás empresas produtoras e pobreza enerxética aos consumidores. En relación ao prezo do gas, resulta imprescindible saber cal sería o "prezo óptimo" a considerar: o prezo do mercado holandés ou "un valor promedio dos prezos do gas sostidos nun período de tempo" máis próximo aos 20 euros/MWh, como sinalan diferentes voces en Europa?

Non debe esquecerse que o prezo a pagar da electricidade pareceríase ao resultado de sumar ao prezo do gas, o prezo da eficiencia das centrais de ciclos combinados e os dereitos de emisión de CO2, obtendo unha cantidade case o triplo do prezo do gas. Con todo, contribuiría a reducir a inflación e o exceso de retribucións, pero non mudaría a esencia do sistema de fixación de prezos, cuestión clave que require dunha urxente revisión. Tamén importante sería a previsión en canto á garantía de subministración do gas natural, na que as decisións xeopolíticas estratéxicas xogan un papel determinante.

A pesar da dependencia enerxética fósil e da necesidade urxente dun mix enerxético sostible e sostido, a Ibérica é unha 'península enerxética renovable'

A pesar da dependencia enerxética fósil e da necesidade urxente dun mix enerxético sostible e sostido, a Península Ibérica é unha península enerxética renovable, e non debe desprezarse o efecto positivo desta produción (liderada pola eólica e solar) sobre o control dos prezos. Só dous exemplos: o 8 de abril, entre as 16-17 horas, na Península Ibérica o MWh situouse sobre 7 euros, fronte aos 186,11 de Alemaña e Francia ou 238,50 de Italia. O 10 de abril, o Mercado Diario entre as 17-18 horas estableceu 1,03 euros/MWh en España e Portugal, e 145,24 para Francia, 71,03 para Alemaña e 133,67 para Italia. Foi grazas á enerxía verde, demostrando a necesidade de aplicar políticas enerxéticas renovables integrais e planificadas, que permitan desenvolver a complementariedade na xeración eléctrica.

Sen dúbida, o sistema enerxético condiciona a socioeconomía, na que corren malos tempos para o benestar, con medo á chegada da estanflación. Hai solucións para aplicar, sen ser máxicas, nin sinxelas nin doadas. Para iso, débese considerar si realmente se quere e se cre no Estado de Benestar para toda a sociedade. E logo, actuar.

Comentarios