A cadea mar-industria alerta dunha caída de 20% no consumo de peixe

O sector pesqueiro solicita baixar o IVE dos produtos pesqueiros.
Peixes e mariscos nun posto do mercado de Pontevedra (Foto: Danielbr100).
photo_camera Peixes e mariscos nun posto do mercado de Pontevedra (Foto: Danielbr100).

A cadea de valor da pesca, conformada polos representantes da frota pesqueira, confrarías, empresas e industria, volveu reclamar ao Goberno do Estado español a baixada do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) e de "forma permanente" tras caer 20% as súas vendas nos dous primeiros meses do ano respecto ao mesmo período de 2022.

Segundo os últimos datos do Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación, o consumo de produtos pesqueiros rexistrou un descenso de 15,2% entre os meses de xaneiro e novembro de 2022 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Esta caída súmase ao descenso de 20,4% do consumo nos fogares entre 2008 e 2021.

A cadea mar-industria reclama ao Executivo estatal que os seus produtos tamén conten cunha redución do IVE, despois de que o pasado 1 de xaneiro entrase en vigor a rebaixa do IVE de tipo reducido de 4% a 0% no pan, a fariña, o leite, o queixo, os ovos e as froitas e verduras ou hortalizas, mentres que as pastas e os aceites pasaron de estar gravados dunha taxa de 10% a 5%.

Segundo os datos dun informe da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc), coa eliminación do IVE dos produtos pesqueiros a inflación da alimentación no Estado español de xaneiro situaríase en 14,3%, máis dun punto porcentual por baixo da taxa de 15,4% rexistrada. En caso de aplicar unha redución do IVE a 5%, o encarecemento sería de 14,9%.

O sector pesqueiro e o de toda a cadea posterior, ademais, lamenta o "silencio" que recibiu por parte do Executivo español tras tentar manter un diálogo para exporlle a súa realidade.

Desta forma, os representantes do sector pesqueiro anunciaron que iniciarán unha rolda de conversas con todas as forzas políticas concorrentes ás próximas citas electorais na Galiza e no Estado, co obxectivo de solicitar apoio á redución do IVE dos seus produtos e solicitar a incorporación desta reivindicación nos seus respectivos programas.

Recollida de sinaturas

Ademais, a representación do sector que mobilizar á cidadanía sobre esta cuestión e considera pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas baixo o lema de que "todos temos dereito a comer peixe".

Comentarios