Análise

Bóveda e a facenda pública

Bóveda consideraba que o banco público era unha peza clave para a organización fiscal e financeira do país, con funcións propias dun banco de Estado.
Alexandre Bóveda fixo achegas fundamentais na facenda pública, a súa principal área de coñecemento. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Alexandre Bóveda fixo achegas fundamentais na facenda pública, a súa principal área de coñecemento. (Ilustración: Álex Rozados)

Agosto é e será o mes de Alexandre Bóveda. É abondo coñecida a súa actividade política, mais non tanto a profesional. Cando non existía a profesión de economista como tal, Bóveda, que o era, contaba cunha ampla formación, fundamentalmente mercantil e autodidacta. A primeira polos estudos de peritaxe mercantil e a segunda, principalmente, pola súa estadía en Madrid e as súas visitas á biblioteca do Ateneo de Madrid, na que coñece os tratados de Antonio Flores de Lemus, de Giuseppe Toniolo e as primeiras obras do seu contemporáneo John Maynard Keynes. Tamén estudou os ensaios de Juan González Besada e os doutros autores galegos como é o caso dos composteláns Manuel Colmeiro e Joaquín Díaz de Rábago.

Efectivamente, fixo achegas fundamentais na facenda pública, a súa principal área de coñecemento, entendéndoa como o estudo da actividade financeira do sector público e, en particular, do conxunto das decisións económicas que se manifestan na realización dos ingresos e dos gastos públicos e na mutua relación entre eles. E así foi acreditado nos oito anos que van desde a súa volta de Madrid no 1928 até a súa morte na Caeira en agosto do 1936. A súa primeira aportación, en maio do 1928, vén da man do convite de Daniel de la Sota, Presidente da Deputación de Pontevedra, para a realización dun estudo dun novo sistema de cobramento dos impostos e contribucións, que remata coa creación do chamado Servizo Provincial de Cédulas Persoais, xa operativo no 1929, e que mellora o antigo modelo da cobranza, favorecedor dos caciques.

Tamén en Pontevedra Bóveda participou na fundación da Caixa de Aforros Provincial, da que foi o relator dos seus estatutos e o seu primeiro director. Un dos obxectivos era precisamente o de mellorar a cobranza dos impostos. O nefasto sucesor de De la Sota, Manuel Casas Medrano, cesouno e desmontou o servizo de recadación de cédulas por el deseñado.

Banco público

No 1931 defendeu na primeira asemblea do Partido Galeguista a creación dunha entidade bancaria para a organización fiscal e financeira, dependente da Xunta de Galicia que tería ó seu cargo a recadación, caixa, crédito, aforro e habilitación, e cantos outros servizos puidese absorber. Bóveda consideraba que o banco público era unha peza clave para a organización fiscal e financeira do país e con funcións propias dun banco de Estado, non sendo a de emisión de moeda. Así foi que a proposta ratificouse en 1936 na redacción definitiva do Estatuto de Autonomía, que no seu artigo 26 sinala que a rexión "poderá fundar, acomodándose aos principios esenciais da lexislación do Estado, un Banco, a través do cal poida organizar todos os seus servizos recadatorios, etc.".

Mais a súa proposta máis orixinal foi a inserida no Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, tomando como referencia o Plan de Facenda Cantonal do que fora alcalde de Santiago, José Sánchez Villamarín, establecendo que a Facenda Galega recadase todos os impostos, non sendo alfándegas e monopolios. Completou a análise no 1932, criticando o sistema fiscal español por ineficiente e caro, ao ser tres as administracións que recadaban os tributos, polo que a súa proposta definitiva era a dunha administración única dependente da Xunta de Galicia. E defendendo a eliminación dos aranceis internos, a tributación progresiva sobre a riqueza ou a renda, e a separación de débeda pública, para que Galicia non tivese que pagar a contraída en beneficio de outros.

Impostos

En definitiva, Bóveda deseña un sistema tributario no que os ingresos do país veñan de todos os impostos atribuídos ao Estado, o que vén a ser o "concerto" polo que se recadan os impostos que pagan os cidadáns para facer fronte aos gastos necesarios para a prestación dos servizos públicos que reciben. E págase un "cupo" que é a contribución que ten que pagar a Facenda Galega ás arcas estatais. O que confirmou empiricamente, despois de analizar os orzamentos xerais do 1930, que liquidaban a favor do Estado uns 9 millóns de pesetas dos galegos.

No xornal A Nosa Terra de xuño do 1935 avanza nas propostas censurando o recurso aos impostos indirectos e apostando por un único imposto sobre as rendas do traballo e do capital, baseado nos principios de igualdade e progresividade, que garantiría un "mínimo familiar" exento de tributación no caso das rendas do traballo. En resume, as liñas mestras do seu pensamento serían máis impostos directos e menos indirectos. Mellor tratamento fiscal das rendas do traballo. E un sistema de concerto con pagamento dunha cota ao Estado. Un adiantado ao seu tempo.

Comentarios