Beatriz Rey, bioquímica: "Todos os fungos teñen en común que fan que o noso organismo se enfronte mellor ás infeccións"

O cultivo de Beatriz Rey realízase en troncos de castiñeiro que se aproveitaron da poda (Siltake)
photo_camera O cultivo de Beatriz Rey realízase en troncos de castiñeiro que se aproveitaron da poda (Siltake)

O cultivo tradicional do fungo Shiitake, orixinario do Leste de Asia e un dos máis antigos da humanidade, realízase desde hai uns anos en Castro Caldelas da man da bioquímica Beatriz Rey. O seu proxecto Siltake traballa a comercialización en proximidade a través da distribución local en restaurantes e particulares segundo se realice a recolección cada certo tempo. A fórmula desta emprendedora utiliza, ademais, un sistema sostíbel de aproveitamento dos restos da poda de castiñeiros. Os troncos producen durante catro anos.

Como chegou desde a bioquímica até cultivar cogomelos?

Cando rematei a carreira comecei a traballar nunha empresa de Pontevedra que se dedicaba aos cogomelos. Estudaba no seu departamento de bioquímica os principios activos que había nestes fungos. Como era unha empresa familiar, pequena, aprendín a facer de todo. Foi daquela cando aprendín a cultivalos mais nunca pensei que sería algo que eu faría a nivel profesional.

Logo, nun momento na miña vida en que me fun vivir ao rural, vin que non había traballo relacionado cos meus estudos. Tiña unha casa con algo de terreo, pouco para unha explotación agrícola e moito como para deixalo morrer. Non sabía nada de horta nin doutros cultivos. Tiven unha filla e busquei algo que puidese facer, daquela lembreime do cultivo de cogomelos. Como tiñamos soutos ao facer unha poda grande cos seus restos realizamos o cultivo.  

Que tipo de cogomelo se adapta mellor ao cultivo?

A maioría dos cogomelos non se poden cultivar. Os parasitos quedan descartados. Logo están os micorríticos, que son os que atopamos no monte e, aínda que podes estimular o bosque para que dea, non servirían para cultivo. Por último hai os saprófitos, que son cultivábeis a maior parte deles en palla ou en restos de industrias gandeiras. Hai grandes empresas que teñen explotacións de intensivo con prezos moi baixos cos que non podes cultivar.

Eu optei pola calidade e apostei polo siltake. Malia que se acostuma a traballar en palla fíxeno no seu substrato óptimo, que é o castiñeiro. Procurei un produto que en pouca cantidade fose exquisito para competir no mercado. Non tiña sentido producir champiñóns.

Que propiedades beneficiosas ten o siltake?

Todos os fungos teñen en común que actúan modulando o sistema inmunolóxico e tamén no metabólico, facendo que o noso organismo poida enfrontarse mellor ás infeccións e a certas enfermidades como o cancro. O seu consumo aumenta as defensas do noso corpo. Aquilo que nos afasta na evolución dos cogomelos é precisamente o que fai que teñan esa propiedade. 

Para comercializar o siltake na Galiza, cal sería a mellor opción?

A miña filosofía, tal e como escollemos vivir as persoas que decidimos vivir no rural, partimos da premisa da proximidade. Eu sempre digo que son a peor provedora do mundo. Teño un cultivo moi pequeno que dá para vender aquí, se fose máis grande poderiamos chegar máis lonxe. En todo caso, coa miña produción chéganos para tentar cubrir a nosa contorna.

Traballamos os restaurantes e non optamos a hipermercados por contar con siltake só cando chove, pois se non se dan as condicións metereolóxicas propicias non temos produto, polo que non podemos servir ás grandes cadeas.  O noso sistema é á inversa: vender cando a xente pide e hai. Unha das alumnas dos meus cursos de formación ten un cultivo semellante en Trives e compaxinamos a venda por ter diferentes momentos na produción. 

Cales foron as principais dificultades e facilidades desta opción emprendedora?

O máis doado foi a venda. A aceptación do público foi o mellor e o máis gratificante. A xente é moi agradecida. A nivel de Administración, no meu caso, moi ben. Non fixo falta rexistro como eu pensaba. Tampouco a nivel de certificación ecolóxica por non empregar fertilizantes nin terra. O máis complicado foi a conciliación. No tempo que fixen a produción tiven unha filla e un fillo.

Comentarios