domingo 25/10/20

Ser muller no rural desde Os Ancares

No "Día da Muller Rural" pódense contar centos de experiencias. Nós Diario quixo achegarse até Cervantes para coñecer de primeira man algunhas delas relacionadas cunha zona que perde poboación cada ano. O despoboamento e a soidade deste territorio non son quen de minar a ilusión e o optimismo.

A Asociación Xuvenil A Cambela levou o berro contra a violencia machista aos cumes dos Ancares (A.X. Cambela)
A Asociación Xuvenil A Cambela levou o berro contra a violencia machista aos cumes dos Ancares (A.X. Cambela)

O Centro de Desenvolvemento Rural de Cervantes organizara para esta quinta feira unha actividade que co título de "Conversa entre mulleres, a forza calada da montaña", pretendía dar voz a este colectivo moitas veces silenciado. As restricións sanitarias da pandemia tamén chegaron a estas montañas e a actividade foi suspendida, mais Nós Diario contou con algunhas das súas protagonistas coas que manter esa parola adiada.

"O problema máis grande que temos é a soidade", explica Amelia Amigo Santín, coordinadora da actividade, "en Cervantes hai máis de 20 aldeas nas que vive unha soa muller e o resto son homes". O despoboamento é o fío común da conversa e repítese en todas as voces desta zona oriental da Galiza.

"Temos sorte de contar co tecido asociativo e de quedar para tomar un café e falar entre nós" relata ao tempo que sinala o dato de que "hai 30 anos había 100 nenas e nenos nunha das tres escolas, hoxe hai 30 en todo o concello".

Non deixa de sorprenderlle a "capacidade incríbel de traballo das mulleres de aquí que coidan dos fillos, dos avós, da explotación.. e aínda nunca deixan de botar unha man nas actividades do noso tecido asociativo". 

Gando e cultura

De asociacionismo sabe Noélia Rodríguez Pardo, presidenta da A.X. A Cambela. Estudou fisioterapia e exerce en Lugo polo que vive o seu Cervantes as fins de semana. "Encantaríame vivir onde nacín mais a miña supervivencia económica téñoa na cidade".

Recoñece que a única alternativa sería montar unha consulta propia, algo que "non o chegas a facer por medo". Malia a falta de medios, nas actividades que organizan "nótase a ilusión por ver medrar o rural".  

En Cervantes a maior parte da poboación vive da explotación agrogandeira e as mulleres xogaron e xogan un papel importante. Un exemplo é Mónica Cerredo que casou con 17 anos e desde Navia de Suarna viu medrar unha pequena explotación familiar gandeira até chegar a ter 50 vacas e tres bois. "No noso caso non foi moi difícil porque non comezabamos de cero", relata. Iso si, "dubido que sigan o  proxecto as miñas duas fillas que estudan e viven en Lugo".

Como remate, a experiencia doutra muller, Tomasa Masa Díaz, que chegou a Cervantes hai 34 anos procedente de Barcelona. "A vida é moi sacrificada, son 24 horas de traballo e sen fins de semana por coidar os animais", explica. Recoñece como anécdota que sempre se sentiu libre "por ter carné de conducir e coche", algo que non podían dicir outras mulleres que dependían dos homes para todo. "Foi o que eu decidín e foi a vida que había que levar", sentencia.

comentarios