As axudas para polígonos industriais discriminan os Concellos que non seguen a política fiscal da Xunta

Os municipios ven cerceada a autonomía fiscal.
Francisco Conde, segundo pola esquerda, esta sexta feira no polígono industrial de Morelle, en Sarria.
Francisco Conde, segundo pola esquerda, esta sexta feira no polígono industrial de Morelle, en Sarria.

A convocatoria de axudas da Xunta da Galiza para o desenvolvemento de melloras en infraestruturas de polígonos industriais, dotada con 2,1 millóns de euros de orzamento, estará aberta até o próximo 2 de febreiro.

Porén, estas axudas non están exentas de polémica, pois moitos Concellos denuncian que son discriminados e que se ve cernada a súa autonomía fiscal. O motivo é que terán prioridade para acceder a estas axudas os municipios adheridos á iniciativa 'Concello emprendedor'.

Así, os Concellos que aceptan as condicións do programa 'Concello Emprendedor' -entre as que se atopan varias rebaixas de impostos locais-, teñen prioridade na obtención de fondos para cubrir até 80% do custo de actuacións -cun límite máximo de 120.000 euros- en polígonos industriais do termo municipal. 

Entre as condicións para ser considerado pola Xunta da Galiza como 'Concello Emprendedor', están a de "estabelecer bonificacións aos prezos das parcelas do solo empresarial de titularidade municipal" e a de "modificar ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre bens inmóbeis, do imposto sobre actividades económicas e, de ser o caso, do imposto sobre construcións, instalacións e obras" para favorecer con rebaixas fiscais obrigadas ás empresas dos polígonos con porcentaxes mínimas de até 80%.

Trátase dunha convocatoria de concorrencia competitiva -mais con prioridade para aqueles adheridos á iniciativa 'Concellos Emprendedores'- á que poden optar os municipios que desexen levar a cabo actuacións de iluminación eficiente, depuración de augas, xestión de residuos, seguridade ou infraestruturas viarias nos polígonos industriais.

O BNG ve "discriminación"

Durante o proceso de tramitación do proxecto de Lei de Áreas Empresariais no que se sustentan estas axudas, a deputada do BNG Alexandra Fernández sinalou que esta prioridade “non só é unha chantaxe aos Concellos senón que as propias empresas veríanse afectadas á hora de solicitar subvencións, xa que dependerían de se estas están localizadas nun 'Concello Emprendedor' que ten rebaixas fiscais ou non". 

A Xunta "penaliza ás empresas que se atopen nun Concello que non queira ou non precise aplicar rebaixas fiscais”, advertiu, para subliñar a continuación que "o único modelo que o PP fomenta así é o da baixada de impostos sen criterios económicos".

Comentarios