As autonomías con máis peso no PIB xeran menos enerxía: un estudo abre o debate da compensación da produción

Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press).
OBS tamén resalta a pouca viabilidade da eólica mariña no litoral galego e español.

As autonomías que máis pesan no Produto Interior Bruto (PIB) do Estado son minoritarias en materia de produción de enerxía, segundo un informe realizado por OBS Business School sobre o sector enerxético. Neste sentido, o documento considera que algunhas autonomías deberían "implicarse máis" e fomentar a creación de parques xeradores de enerxía para poder cumprir os obxectivos da Unión Europea (UE) tanto para 2030 como para 2050.

Mentres que a Galiza xera uns 14.525 xigawatts á hora (XWh), outras autonomías como a Comunidade de Madrid, Cantabria ou as Illes Balears, non chegan aos 500 XWh. Precisamente, segundo o estudo de OBS, dúas destas (Comunidade de Madrid e Illes Balears), ademais de Catalunya, o País Valencià, Nafarroa e Canarias, atópanse á cabeza en demanda enerxética, mentres que a Galiza está na cola xunto con Cantabria.

Compensación pola produción

Deste modo, o estudo, dirixido polo enxeñeiro e profesor Víctor Ruiz Ezpeleta, apunta que as autonomías que máis consomen non son as que máis producen. Ademais, sinala que nalgúns foros "xa se expuxo a posibilidade dunha tarifa eléctrica rexional para compensar a aquelas comunidades moito máis produtoras que consumidoras".

Ademais, no marco da implicación daquelas autonomías que non son produtoras de enerxía, ve necesaria unha maior aceleración nos estudos, proxectos, aprobacións e licitacións para depender cada vez menos dos combustíbeis fósiles e das enerxías provenientes do exterior.

Problemas de viabilidade da eólica mariña

No que se refire á eólica mariña, o estudo advirte de que Estado español é unha potencia eólica global tanto en fabricación de equipos como en xeración de enerxía en terra. Porén, o informe sinala que o litoral estatal presenta problemas para os parques eólicos mariños.

O documento sinala a profundidade do litoral como o principal problema, especialmente relevante na plataforma continental galega a distancias moi curtas, xa que a tecnoloxía dos proxectos actuais permite cimentacións só até os 50 metros.