martes 07/12/21

Os veciños dos concellos aragoneses con parques eólicos ou solares terán bonificacións no recibo da luz, de acordo coa nova regulación destas instalacións que proxecta o Goberno desa comunidade. A proposta anunciouna a pasada cuarta feira en Teruel o presidente, Javier Lambán, quen considerou necesario fixar medidas de compensación para a cidadanía daquelas localidades con instalacións de xeración eléctrica. Precisamente, nalgunhas das comarcas con máis proxectos en marcha en materia de renovábeis estase a producir unha grande contestación social diante dunha actividade que consideran negativa para o seu desenvolvemento económico.

Lambán anunciou que o seu Executivo traballa actualmente nun cambio normativo para a instalación de centrais de enerxías renovábeis que de resposta á “inquietude e incomodidade” que suscitan estas instalacións en moitas partes de Aragón.

Nese sentido, sinalou que o “Goberno entende esas incomodidades” e por iso vai incorporar á normativa un “novo rumbo” para que as novas plantas “se axusten o máximo posíbel” á “sensibilidade dos territorios” afectados. O presidente indicou que o obxectivo do cambio normativo busca que as enerxías renovábeis sexan vistas “como unha oportunidade e non como unha condena” e asegurou que conta con “informes favorábeis dos servizos xurídicos” do seu Executivo e das propias empresas eléctricas

O mandatario socialista recalcou que “o xiro normativo” pretende que “a enerxía renovábel” favoreza “directamente ás industrias aragonesas” e se converta en “factor de atracción” de investimentos.

O obxectivo é que a produción eléctrica obtida en Aragón non se destine ao crecemento doutras territorios, senón que “na medida do posíbel” repercuta na economía aragonesa. Na mesma liña, considerou chave que “os habitantes do territorio equipado con parques eólicos ou solares teñan beneficios na factura da luz”.

A iniciativa adiantada por Lambán sitúase na liña da tarifa eléctrica galega reclamada por diversas forzas sociais e políticas do país. A mesma foi rexeitada de xeito reiterado polos populares e socialistas galegos así como polo Goberno español por considerala ilegal.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

No caso de entrar en vigor a proposta anunciada polo Executivo aragonés abriría a porta á súa aplicación noutras partes do Estado, sempre que os Executivos de cada un dos territorios tiveran a vontade política para poñela en marcha.

Aragón rebaixará a luz a concellos con eólicos
comentarios