O aumento da luz lastra a recuperación da hostalaría e negocios como lavandarías

Hostalaría e lavandarías son algúns dos negocios máis prexudicados polas subas no prezo da luz deste mes de agosto na Galiza. A imposibilidade de mudar os seus horarios e a dependencia continua dos aparellos eléctricos fai que se cuestionen mesmo trasladar o incremento ás persoas usuarias 
Unha lavandaría en autoservizo en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Unha lavandaría en autoservizo en Compostela (Nós Diario).

O prezo medio da luz no mercado almacenista volveu esta segunda feira, 9 de agosto, ter un novo máximo histórico, cun prezo medio de 106,74 euros o megawatt hora e superar, desta maneira, o anterior récord de 106,57 euros que alcanzou o pasado 21 de xullo e superando todos os niveis dese mes e mesmo os picos deste arranque de agosto segundo o operador de mercado eléctrico designado (OMIE). 

Excepto desde as 15 horas até as 17 horas, o prezo mantívose constantemente por encima dos 100 euros/ MWh, marcando o máximo diario entre as 21 e as 22 horas, cando o prezo da luz foi de 114,07 euros. 

Hai uns días Nós Diario abordaba a situación da industria galega en relación a estes aumentos nos prezos da electricidade mais non é menor a que están vivindo outros sectores que teñen, entre os seus gastos máis importantes, os que proceden na factura da luz. Hostalaría, salóns de peiteado ou lavandarías son algúns dos máis afectados por contar con aparellos conectados a maior parte do día e fóra do denominado 'período val' en que a tarifa é algo máis reducida. 

Un atranco máis para a hostalaría

A hostalaría conta con moitos gastos fixos mais o da electricidade é un dos máis importantes. Lucía Vázquez, voceira da asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, apunta que é un dos temas que sae con máis frecuencia nas xuntanzas periódicas que teñen. No seu caso tivo que acudir a un xestor enerxético para tentar rebaixar a factura.

"Cheguei a pagar 700 euros de luz ao mes e iso que teño unha superficie de 50m2", pon como exemplo en conversa con Nós Diario. En todo caso tampouco atopou unha solución definitiva no mercado eléctrico libre que lle incrementou a última factura.

Recoñece que mudou os hábitos no seu estabelecemento "e o que é enfornar elaboracións e preparar sobremesas fágoo na fin de semana ou a última hora da xornada, cando recollo pola noite" por seren os fornos os que máis consumen "e coas neveiras non podemos aforrar e funcionan sempre".

As lavandarías frean o seu auxe 

Outro dos negocios que se ve afectado polo continuo aumento da tarifa eléctrica é o das lavandarías, un ámbito que medrou de maneira exponencial e que viu freada a súa expansión coa chegada da pandemia. Santiago Lorenzo fundou hai seis anos Caballo Blanco en Compostela, unha proposta de autoservizo que medrou neste tempo e que conta na actualidade con 15 locais abertos en nove concellos galegos.

"O quilowatt cada día está máis caro e nós dependemos un 75% da electricidade para funcionar, só temos as secadoras funcionando con gas", explica a Nós Diario. Conta con termos eléctricos de 3.000 vatios que conseguen elevar a temperatura a máis de 60º. 

Con esta situación poden mudar tamén os hábitos da poboación. Polo de agora nas lavandarías que xestiona non notaron un aumento de usuarias e usuarios por estar no verán. "Aínda é cedo para avaliar se mudará, a xente gasta menos roupa", sinala Lorenzo, "penso que se notará máis  cando chegue o inverno", engade. O que si observa é que a xente optou por lavar a roupa nos seus domicilios coincidindo cos horarios máis económicos. "Eu mesmo, onde vivo, escoito lavadoras pola noite ou en fins de semana", conta. 

Máis medidas ademais da baixada do IVE

A aprobación no mes de xuño  por parte do Goberno español do decreto lei polo que se reducía  do 21% ao 10% o IVE viña con letra pequena e restrinxía a súa actuación aos consumidores cunha potencia contratada de ata 10KW.

Desde as organizacións de autónomas e autónomos xa anunciaron no seu momento que a baixada beneficiaría a moi poucos negocios e, caso de optar a ela, non sería abondo para compensar a forte suba da factura. 

Lorenzo recoñece que a  baixada do IVE, no seu caso, "algo mitigou" mais os aumentos do último mes leváronse ese pequeno aforro. "Os servizos comunitarios deberiamos contar con outras medidas",  opina. No seu caso cre que este tipo de estabelecementos é algo máis que un negocio.

"Se a unha persoa se lle deteriora a lavadora pode evitar mercar unha e reducir, en certa maneira, o deterioro do medio ambiente", polo que "se houbera unha rebaixa mesmo poderiamos axustar máis o prezo", entende. No seu caso, conta con manter as tarifas actuais "como cando estabamos en corentena e a facturación baixara un 90%" mais será unha decisión que terán que tomar "chegado o outono".

Comentarios