Até 174 euros de media por manter unha conta bancaria e unha tarxeta, 24% máis no último ano

Caixabank, Banco Santander e BBVA, os que máis cobran.
CaixaBank. (Foto: Europa Press)
photo_camera CaixaBank. (Foto: Europa Press)

A comisión media da banca por manter unha conta e unha tarxeta de débito subiu este ano 24% até os 174 euros, fronte aos 140,16 euros do exercicio anterior, segundo revela o III Barómetro de comisións de Asufin.

CaixaBank sería o banco con maiores comisións, con 290 euros en total, dos que 240 correspóndense coa conta e os outros 50, coa tarxeta. Séguenlle Banco Santander e BBVA, con 276 e 195 euros, respectivamente.

A galega Abanca sitúase na media de 174 euros (144 pola conta e 30 pola tarxeta). Pola contra, Unicaja e Cajamar son os que aplican as comisións máis baixas, cun gasto total de 104 e 110 euros, respectivamente.

No mantemento de contas, o custo medio total pasa de 110 euros de media ao ano a 141,30 euros, mentres que as tarxetas de débito soben ata unha media de 32,73 euros anuais, 2,56 euros máis que os 30,17 euros do ano 2021.

Detalles do estudo

O estudo observa un cambio importante con relación ás vinculacións que fan gratuítos tanto o mantemento da conta como a tarxeta de débito, entre outros servizos.

Exceptuando Banco Sabadell, o resto incorpora tramos de vinculación, co que segmentan moito máis os clientes, á vez que obrigan a cumprir maiores requisitos: só os que cheguen a un elevado nivel de compromiso coa entidade poderán acceder á gratuidade total dos servizos do banco.

Por exemplo, CaixaBank incluíu dous niveis de vinculación, mentres que o banco galego Abanca estabeleceu tres. Por outra parte, os intereses e comisións por descuberto situáronse en 2022 lixeiramente á baixa: sitúanse en 6,04% de media, cando hai un ano eran de 6,77%, e as comisións manteñen a media de 4,50%, pero baixan lixeiramente dos mínimos de 14,50 euros en 2021 a 14,18 euros en 2022.

Os intereses máis altos por descuberto son os de Abanca, Bankinter, Kutxabank, Deutsche Bank e Ibercaja, con 7,50%.

Comentarios