Análise

De cando Galicia tiña bancos de seu

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Dunha tupida rede no rural pasamos a un crecente número de concellos desatendidos, cun verdadeiro problema de exclusión financeira. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Dunha tupida rede no rural pasamos a un crecente número de concellos desatendidos, cun verdadeiro problema de exclusión financeira. (Ilustración: Álex Rozados)

Foi Hyman Minsky quen avisou da euforia especulativa nos tempos de prosperidade, o que aumentaría o crédito até o punto de que o volume de beneficios non fose suficiente e a falta de pagamento xeraría a crise. Antes de 2008 as nosas entidades tiñan unha cota de mercado de máis do 50% do sistema financeiro. Os graves erros e mala xestión dos directivos de entidades e supervisores e a política de concentración do Banco de España implicaron que, tendo nos 80 unha tupida rede, pasásemos a só dúas.

Había caixas de aforros e rurais nas catro capitais de provincia; caixas de aforros e bancos en Ferrol, Compostela e Vigo e até en Betanzos e Cee. Hoxe só quedan a Caixa Rural Galega e Abanca, produto do agregado de tres das caixas rurais, de todas as caixas de aforros e do Banco Etcheverría. Se a crise do 2008, a nivel do Estado, afectou en maior medida ás caixas de aforros, en Galicia non discriminou, exterminando tamén bancos, sendo varias as causas do fracaso.

As cooperativas de crédito xogaron un papel marxinal no sistema crediticio galego. Tendo a Xunta competencia nas cooperativas consentiu que, entre 1986 e 1988, tres delas fosen integradas en Caixa Galicia, das que dúas foran intervidas polo seus problemas de solvencia cando xa recibiran achegas do Fondo de Garantía de Depósito por uns 39 millóns de euros. Frustrou así a consolidación dunha entidade a nivel galego con posibilidades de crecemento nun país con gran peso do sector primario.

Fracaso nos procesos de expansión

Se ben xa comezara antes dun xeito prudente, iniciado o século XXI as tres principais entidades galegas, Pastor, Caixa Galicia e Caixanova, emprenden unha carreira expansiva fóra do territorio galego. A súa política xa non era só establecerse nas principais cidades, senón estender unha rede comercial ampla e máis concentrada nas áreas xeográficas que, entendían, tiñan máis posibilidades dun crecemento económico continuo, como eran Andalucía, Cataluña, Levante, Madrid e Murcia. Precisamente as áreas nas que a crise inmobiliaria foi máis profunda.

Desleixo dos sectores produtivos galegos

Joan Robinson, con bo criterio, dicía que as finanzas debían ir detrás dos sectores produtivos. Nesa liña, no pasado, tanto o Pastor como o Noroeste lideraron importantes grupos industrias con forte presenza no país. Exemplo son Fenosa, Astano e Pebsa, do Pastor, ou Elnosa, Mafriesa e Grafinsa, do Noroeste.

Na actualidade, desapareceron os dous e tamén moitas das empresas por eles participadas. As caixas de aforros tampouco substituíron a banca galega no papel emprendedor que esta tivera. Hoxe só destaca a participación de Abanca en Nueva Pescanova. Pola contra, fica na memoria a pasividade de Caixa Galicia e Banco Pastor cando no 2005 houbo a posibilidade de recuperar a eléctrica Fenosa, nunha operación liderada por Amancio Ortega e Jacinto Rey. 

Galicia, exportadora de depósitos

A banca procura os depósitos dos seus clientes para prestarllos a outros, o verdadeiro núcleo do negocio. O forte incremento da demanda de crédito provocou que xa no 1996, a nivel de Estado, superasen os depósitos, o que non pasou en Galicia até o 2004. Esta década de diferencia é un indicador que demostra que Galicia foi, e seguiu a ser, fornecedora de depósitos para o sector financeiro español. Había recursos para a economía non financeira, mais non para os nosos sectores produtivos, a economía real.

Galicia foi fornecedora de depósitos para o sector financeiro español, había recursos para a economía non financeira mais non para a economía real

Falabamos de erros e mala xestión dos directivos e dos supervisores. Así foi no caso de Pastor, Caixa Galicia e Caixanova, de mans de Arias, Méndez e Gayoso, quen decidiron medrar concentrando o crecemento no sector inmobiliario fóra de Galicia, levando á súa intervención ou absorción ou xerando milleiros de reclamacións xudiciais polas súas malas prácticas no financiamento dos requirimentos de capital (preferentes) e nos préstamos hipotecarios (chan).

E tamén da Xunta e o Banco de España que non exerceron as súas competencias de supervisión ou miraron cara a outro lado. Este último foi o responsábel da desaparición das caixas, principalmente cando era o seu gobernador Fernández Ordóñez, ignorando a Joseph Stiglitz, que avisaba que para as organizacións con poder abondo para impor custos aos demais, fan falta regulacións, non eliminar competencia.

As consecuencias son irreversíbeis. Non temos crédito cooperativo ao xeito de Euskadi ou Cataluña. Non volveremos ter a xestión maioritaria dos aforros e créditos propios. A oferta diminuíu até condicións de mercado oligopolístico.

Dunha tupida rede no rural, pasamos a un crecente número de concellos non atendidos que pasan a ter un verdadeiro problema de exclusión financeira para os seus veciños. A perda de emprego directo e indirecto no sector foi de miles de postos de traballo. Por todo iso, en só dez anos, perdemos douscentos de maioritaria autoxestión dos aforros e dos créditos dos galegos e case que toda a nosa autonomía financeira.

Comentarios