O Banco de España certifica un incremento na fuga de capitais galegos no ano de 2021

A banca expatriou 28.902 millóns de aforro galego

Os datos recollidos na última entrega do boletín estatístico do Banco de España, referidos á totalidade do exercicio de 2021, sinalan que o sistema financeiro expatriou da Galiza nese período un total de 28.902 millóns de euros cara a outros territorios, destacando a Comunidade de Madrid como principal beneficiada.

 

Oficina do Banco Santander na Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina do Banco Santander na Coruña. (Foto: Nós Diario).

As entidades de crédito presentes expatriaron ao longo de 2021 28.902 millóns de euros de aforro das galegas e galegos cara a outros territorios do Estado. O fenómeno repítese nun contexto onde os operadores financeiros están cortando o acceso a crédito a particulares e empresas, até o punto de caer 16% en relación co exercicio de 2020 e de marcar mínimos históricos.

A fuga de capitais dos aforradores galegos cara a outros territorios é unha constante histórica. Segundo as cifras achegadas polo boletín estatístico do Banco de España para o conxunto da anualidade de 2021, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza foi de 75.595 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 46.693 millóns de euros, o que xerou a expatriación de 28.902 millóns.

A contía representou unha suba de 2.474 millóns de euros en relación co terceiro trimestre de 2021, sendo, tamén, superior á de 2020, cando se expatriaron 27.402 millóns de euros, sendo a 31 de decembro o monto do aforro galego de 73.037 millóns de euros e o total dos créditos de 45.635 millóns de euros. Esta última anualidade recolle un incremento en relación con 2019, cando fuxiron da Galiza capitais por un total de 25.271 millóns de euros.

5,10% do aforro total estatal

O aforro galego significou en 2021 5,10% do total estatal mentres o crédito do sistema financeiro se sitúa en 3,73%, unha porcentaxe de máis de dous puntos inferior ao peso da poboación galega no conxunto do Estado. Ao tempo, o crédito per cápita atópase nos postos de cola a nivel estatal, destacando o aforro expatriado polos operadores bancarios, unha contía económica considerábel, próxima a 44,7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e superior en 17.275 millóns de euros ao orzamento da Xunta de 2022.

O impacto da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro é moi prexudicial para a economía galega. Neste sentido, o economista Xosé Díaz advirte da "descapitalización do país", a través da "actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos". Na mesma dirección, sinala que a lóxica dos créditos e dos depósitos “veñen presentarnos a situación histórica que a Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza”.

A drenaxe do aforro galego polos mecanismos do sistema financeiro é unha realidade que vén de lonxe. O economista Xosé Manuel Beiras, en O atraso económico da Galiza, destacou que “a drenaxe de activos financeiros é, por conseguinte, o primordial obstáculo á posibilidade de financiar unha suficiente formación interna de capital na Galiza co excedente obtido pola nosa poboación no labor produtivo. Esvaécese deste xeito a capacidade de crecemento autóctono do país”.

Un problema de vello

O problema ten ocupado e preocupado desde finais do século XIX a parte dos economistas galegos. A este tema dedicáronlle traballos pioneiros Alfredo Brañas, Lois Peña Novo ou Alexandre Bóveda, quen non dubidou en cualificar a expatriación dos aforros como unha das “mostras máis claras do maltrato a Galiza”.

A mesma liña argumental seguiuna anos máis tarde Valentín Paz Andrade, sinalando que “o problema do noso atraso [...] é precisamente a imposibilidade que a Galiza ten para poder reter o aforro e facer que contribúa, como lle toca, á mellora dos nosos paisanos, coutando a sangría do aforro colectivo”.

Comentarios