Aprobado un cultivo experimental de vieira, zamburiña e voandeira

O proxecto decorrerá en bateas especiais localizadas en Rede Natura e Zona de Especial Protección para Aves, porén, o estudo de impacto ambiental aprobado defende que “non existirán verteduras nin residuos orgánicos significativos no medio derivadas da actividade”
Bateas na ría de Arousa. (Foto: Rumbo Sur)
photo_camera Bateas na ría de Arousa. (Foto: Rumbo Sur)

A ría de Arousa acollerá un proxecto experimental para cultivar nunhas bateas especiais vieiras, zamburiñas e voandeira, cunha estimación de produción de entre 16,6 e 18,5 toneladas a partir do segundo ano, logo de aprobar esta terza feira a Consellaría de Medio Ambiente o informe de impacto ambiental proposto pola empresa Monroa SL.

As bateas nas que se desenvolverá a cría contan cun sistema de gaiolas metálicas.

Nunha das estruturas hai bandexas de cultivo ensambladas para o preengorde dos moluscos. O engorde final decorrerá na outra batea.

A pesar de que no proxecto apúntase que se captará semente no medio natural por medio dunhas luces con malla de monofilamento, non descartan conseguila en criadeiros.

Proxecto en Rede Natura e ZEPA

No expediente, Medio Ambiente resolve que “non son previsíbeis efectos significativos para o medio ambiente”, aínda situándose as bateas en Rede Natura, no límite dunha Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA).

Amais, defende que “non existirán verteduras nin residuos orgánicos significativos no medio derivadas da actividade”.

Porén, a Dirección Xeral de Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, engade o informe que o proxecto “pode ter efectos en aves mariñas que usan a ZEPA”, así como sobre “os cetáceos e tartarugas mariñas que atravesan as súas augas”.

Entre as consecuencias para a fauna da ría, o documento salienta a introdución de materia orgánica no medio, incremento da turbidez da auga, aumento do tránsito de embarcacións e o risco asociado de colisión cos animais mariños e contaminación polos residuos das bateas.

Comentarios