Opinión

Pasividade ante as verteduras

[María Obelleiro]

No xornal de onte dabamos a coñecer que a Fiscalía de Medio Ambiente denunciou a conserveira Jealsa por verteduras industriais á ría de Arousa. Nós Diario tivo acceso en exclusiva á documentación, que deixa en evidencia o papel do Goberno galego. Houbo inspeccións e expedientes por parte de Augas da Galiza mais non serviron para pór fin aos episodios contaminantes. Chama a atención que só lle conste á Fiscalía unha sanción leve da Xunta da Galiza a un problema que retorna con periodicidade. De feito, chegáronse a documentar once episodios entre os anos 2017 e 2020.

Para o que se amosa atento o Executivo de Feixoo é para encargar informes a profesores universitarios, a través da Consellaría do Mar, que sitúen no Goberno estatal a responsabilidade de compensar as mariscadoras da ría do Burgo polas actuacións da dragaxe. Se en lugar de ollar para outro lado e externalizar culpas se actuase para favorecer un sector chave na economía galega, mellor nos iría a todas e a todos.

Comentarios