404.054 persoas pensionistas son pobres na Galiza

A pobreza non deixa de medrar na Galiza. Os últimos datos achegados pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza) apuntan a un importante incremento nos últimos exercicios. Os pensionistas son un dos colectivos máis golpeados por esta situación.
A pobreza cébase cos pensionistas. (Foto: Arxina)
photo_camera A pobreza cébase cos pensionistas. (Foto: Arxina)

O informe O estado da pobreza na Galiza que acaba de presentar a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza vén confirmar as tendencias apuntadas por anteriores traballos publicados nos últimos meses. O documento sinala que “o 25,7% da poboación galega estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social no ano 2020, o que supón un incremento de 1,4 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior”. Na mesma liña, indica que “en termos absolutos, 694.367 galegos e galegas estaban nesta situación, 38.389 persoas máis que no ano anterior”. Ao tempo, afirma que a pobreza aumenta máis na Galiza que no conxunto do Estado español desde 2017.

A situación acada unha particular gravidade entre os pensionistas. Os datos de EAPN-Galiza destacan que “404.154 persoas, unhas 71.000 máis que o ano anterior, reciben unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre”.

Segundo EAPN-Galiza, enténdense por pobres aquelas persoas cuns ingresos inferiores ao chamado limiar da pobreza, é dicir, 60% por baixo da media da renda nacional equivalente en unidades de consumo, cifrado en 2020 en ingresos menores a 9.626 euros ao ano nun fogar dunha persoa, ou de menos de 20.215 euros ao ano nun fogar con dous adultos e dous menores.

EAPN-Galiza amósase particularmente preocupada polas condicións de vida dos pensionistas. A este respecto, defende “unha análise específica das condicións especiais da poboación maior de 65 anos”, porque “a gran maioría ten a pensión como único ingreso, por tanto, a súa situación de pobreza depende absolutamente de decisións políticas e en ningún caso do seu esforzo persoal”. Neste sentido, sitúase na liña de anteriores traballos que apuntan á pobreza como o grande risco da vellez e destaca que 404.054 persoas maiores de 65 anos son pobres.

O 52,8% das pensións baixo o limiar da pobreza

Do 52,8% de todas as pensións que se perciben na Galiza están por debaixo do limiar de pobreza. Así, o relatorio de EAPN-Galiza significa que este dato “converte Galiza na comunidade autónoma do Estado con maior porcentaxe de pensións por debaixo do limiar de pobreza”. Na mesma dirección, destaca que “se se consideran só as 185.481 pensións de viuvez (case todas de mulleres) o 67,8% atópanse por debaixo do limiar de pobreza relativa” e lembran que neste colectivo na Galiza encabeza as taxas de pobreza severa.

A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social inclúe na categoría de pobreza severa aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% da media da renda estatal, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite. Neste sentido, o limiar de renda utilizado en 2020 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de 6.417,3 euros por unidade de consumo ao ano, isto é, cada persoa debe sobrevivir con menos de 281 euros mensuais no caso de persoas que viven soas e con menos de 535 euros mensuais para o caso dunha familia con dous adultos e dous menores.

Os pensionistas galegos son un colectivo moi vulnerábel. Segundo se recolle no informe de 10 de setembro polo EAPN-España, 196.416 pensionistas galegos atópanse en situación de pobreza severa, percibindo 4.949 deles pensións de incapacidade permanente, 75.348 de xubilación, 15.711 de orfandade e 13.345 de viuvez. Neste sentido, o 39,2% do total dos viuvos, 15,9% do total dos xubilados sitúanse nun estado de pobreza severa, considerándose incluídas nesta categoría aquelas pensións por baixo de 458 euros mensuais en 14 pagas.

A Galiza rexistra a máis alta porcentaxe do Estado español de pensionistas en situación de pobreza severa. Mentres na media estatal o 16,10% do total dos pensionistas atópanse en pobreza severa, no país a cifra chega a 22,10%, marcando diferenzas de máis de 10 puntos con Castela- A Mancha, de 8,30 puntos con Euskadi, de 8,20 puntos con Nafarroa ou de 8,80 puntos con Madrid. A este respecto, destaca a perda de poder adquisitivo das pensións galegas na última década, cunha caída na contía das mesmas de arredor de 25% desde 2011, e o incremento da fenda con outros territorios do Estado. Neste sentido, desde EAPN-Galiza destacan “o carácter estrutural desta situación, agravada polas políticas de desvalorización salarial e das pensións impulsadas na última década”.
 

Comentarios