Afectad@s polas preferentes queren solucións, non anuncios na prensa

As diferentes Plataformas de afectad@s polas preferentes queren que se lles devolvan os cartos e non campañas de marketing. Continúan coa convocatoria de manifestación para o día 21 de xullo en Compostela.
Anuncio NGB
photo_camera Anuncio NGB

"Nós en vez de montar 'numeritos' queremos solucións", asegura un dos afectados polas preferentes da Plataforma do Morrazo. " Primeiro que nos devolvan os cartos e despois que pidan perdón", apunta. O anuncio que hoxe aparece en prensa escrita e radio non calmou os ánimos das persoas afectadas do que xa é unha das estafas económicas máis grandes na Galiza do século XXI. "O anuncio de NGB non aporta ningunha solución", asegura este indignado, "estou seguro que cando gastan os cartos nisto é porque as nosas protestas xa lles afectaron moito na súa imaxe", engade.

"O anuncio non aporta ningunha solución", asegura un afectado polas preferentes


O perdón mediático
Os máximos responsábeis de NGB optaron pola saída mediática para atallar as críticas dunha xestión nefasta, tal e como no seu momento fixo El-Rei cando se descubriu a súa viaxe a África.  "Antes de nada, perdón," é o grande titular dunha publicidade que hoxe aparece nalgúns medios de comunicacion. Nel falan de "compromiso con Galicia" para tentar chegar a maís de 100.000 afectad@s pola enorme estafa financeira. Quen asina o anuncio son o presidente executivo e o conselleiro delegado de Novagalicia Banco, José María Castellano e César González-Bueno, respectivamente. Na súa "petición de perdón" deixan claro que eles non teñen nada que ver e que foron "investimentos pouco prudentes que se realizaron no pasado". Rematan a estratexia de marketing asegurando que "non volverá acontecer nada semellante" e que colaborarán coa xustiza para solucionar os problemas que causou a mala xestión.

Manifestacións
As diferentes Plataformas continuarán coas protestas até que lles devolvan os cartos. Mañá será en Boiro, o día 14 de xullo en Cangas e logo Vigo. A máis numerosa será a que terá lugar o día 21 de xullo en Compostela. Ese día a manifestación sairá ás 11 horas da Alameda, pasará por diante do Parlamento e rematará na Praza da Quintana.



Comentarios