As adegas Martín Códax son recoñecidas como modelo colaborativo e de igualdade

As adegas Martín Códax recibirán o premio honorífico da AXE de Pontevedra o vindeiro 10 de marzo. Así mesmo, a cooperativa foi recoñecida como modelo de negocio que aposta con éxito pola igualdade de xénero pola Consellaría de Emprego e Igualdade.
Representantes das Xuntas Directivas das adegas Martín Códax e da AXE Pontevedra anunciaron o premio. (Foto: Adegas Martín Códax)
photo_camera Representantes das Xuntas Directivas das adegas Martín Códax e da AXE Pontevedra anunciaron o premio. (Foto: Adegas Martín Códax)

As adegas Martín Códax serán galardoadas co Premio Honorífico da Asociación Xoves Empresarios (AXE) de Pontevedra. A través deste título honorífico, a asociación quere pór en valor o importante papel que desempeñan outras formas xurídicas como as cooperativas dentro do tecido socioeconómico e en concreto das adegas Martín Códax como modelo colaborativo de referencia para a mocidade emprendedora, tanto dentro como fóra do sector.

O presidente da AXE Pontevedra, Jesús Rey Rodríguez, destacou a traxectoria das adegas Martín Códax como modelo a seguir polo seu "constante apoio ao mundo da cultura e da hostalaría, mesmo nos momentos máis difíciles para ambos os sectores tras o impacto da pandemia”, polas súas “políticas de sustentabilidade" e "as súas boas prácticas en materia de igualdade”, e pola súa “forte orientación cara á internacionalización así como o seu exitoso relevo xeracional”.

O presidente das adegas Martín Códax, Xoán Allegue, declarou, nunha conversa con Nós Diario, que na empresa séntense moi alegres, "pois este premio significa un recoñecemento á nosa organización colaborativa e pon en valor outro modelo de empresa que nós representamos, como son as cooperativas”.

Neste sentido, o presidente das adegas Martín Códax lembrou a historia de máis de 30 anos da institución e engadiu que desde a dirección da empresa están "moi orgullosos de que os nosos socios máis novos, herdeiros daqueles emprendedores fundadores de finais dos anos 80, sigan investindo cada día en viñedos novos, máis sostíbeis e innovadores, posibilitando así que as nosas adegas sexan cada vez máis competitivas e recoñecidas nos mercados máis esixentes”.

Así mesmo, Allegue afirmou que "as nosas exportacións, que chegan a máis de 50 países, convértenos en referentes da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e do viño 100% Albariño".

A gala de entrega de premios que outorga AXE Pontevedra decorrerá o próximo 10 de marzo no pazo O Castriño, en Vilagarcía de Arousa. 

Distinción como modelo de igualdade

O de AXE Pontevedra non é o único recoñecemento que nestes días teñen as Adegas Martín Códax. De facto, veñen de ser distinguidas pola Consellaría de Emprego e Igualdade nun acto realizado en Compostela o pasado 22 de febreiro con motivo do Día Europeo da Igualdade Salarial. Neste foro, Martín Códax foi sinalado como modelo de negocio que aposta con éxito pola igualdade de xénero.

Esta cooperativa deu grandes pasos desde a súa fundación en 1985 dentro dun ámbito tradicionalmente percibido como masculinizado. Na actualidade, o grupo adegueiro conta cun cadro de persoal formado por 46% de homes e 54% de mulleres, respectivamente. Porén, en 1991, cando a cadro estaba formado por 8 persoas, 75% eran homes e 25% mulleres. 

A empresa destaca entre os seus principios o respecto da igualdade salarial, a presenza de mulleres en postos de dirección e as medidas de conciliación entre a vida laboral e familiar nun cadro no que actualmente 34% do persoal ten crianzas menores de 12 anos.

Asociacionismo nunha terra marcada polo minifundio 

O presidente das adegas Martín Códax, Xoán Allegue, sinalou a Nós Diario que o éxito da empresa, "con 500 familias en diversas bodegas e ofrecendo apoio a pequenos viticultores", corrobora que "nunha estrutura de minifundios" e a través dun "modelo de organización colaborativa" pódese crecer e ser competitivos no mercado. Este feito, e as distincións obtidas, valorizan as cooperativas, tanto no sector vitivinícola como fóra del.

Comentarios