Xurxo Lobato: “O albariño é patrimonio, cultura e identidade galegas ”

O albariño é paisaxe, patrimonio, literatura. Cultura da cultura, di o fotógrafo Xurxo Lobato que presentou o libro Rías Baixas. O viño do mar co que a  Denominación de Orixe Rías Baixas conmemora o seu vintecinco aniversario. A través de 265 imaxes, Lobato ofrece a  crónica visual  dun viño que, ao seu ver, contribúe a criar identidade galega. 

Xurxo Lobato
photo_camera Xurxo Lobato

-Rias Baixas. O viño do mar, é un proxecto de autor? 

Trátase dun proxecto que presentei hai tres anos ao Consello Regulador e que, ademais de gustarlle, viron moi oportuno porque estaban a preparar a conmemoración dos 25 anos de existencia. Claro que se pode considerar un proxecto persoal. Foi elaborado ao longo dun ano, porque considero que o viño é algo vivo, que ten unha fase vexetal e logo outra de elaboración. Tentei plasmalo de maneira estética xa que o libro tiña como obxectivo promocionar as Rías Baixas e Galiza.Que contribuíra a mostrar unha terra, un país. Recolle, por outra parte, un territorio amplo e disperso, practicamente a provincia de Pontevedra, e ten unha grande riqueza paisaxística e monumental. 

-Define o libro como unha crónica visual. Que relato ofrece a través das imaxes?

Así o considero. Por unha banda o fío conductor sería o cambio estacional, as catro estacións que, ademais dun recurso estético dan idea de evolución, da vida dos viñedos, que nacen e morren todos os anos. O outro fío son os territorios en torno ao viño. Cando bebes un albariño estás apreciando un líquido que sae dun territorio, que, dalgunha maneira contén o patrimonio, a historia e a paisaxe. Estamos nunha zona dunha riqueza monumental incríbel, con castelos, mosteiros e pazos -vencellados á historia do viño- e iso é un valor engadido á hora de promocionar o albariño. Un exportador dicíame que con este libro queda á vista que cando bebes albariño saboreas un anaco de territorio e historia. A cultura é importante no marqueting do viño e, nese sentido, a Denominación Rías Baixas caracterízase por botar man dese valor engadido que contribúe á calidade.  

-Cultura das culturas, di, e no libro recolle textos que a literatura dedicou ao viño das Rías Baixas. 

Leva un texto escrito polo xornalista Cristino Álvarez, que é toda unha autoridade na materia e o que quixen é ofrecer tamén a pesenza que tivo na literatura desde referentes como Cunqueiro e Castroviejo até outros grandes nomes como Valle Inclán, Rosalía de Castro, Cela... unha grande cantidade de literatos que o recollen na súa obra. Para min, forma tamén parte dun patrimonio, está ligado á cultura, á identidade. Máis alá do noso territorio, o albariño asóciase a Galiza, é unha identidade gastronómica. 

-Conta cunha traxectoria dedicada ao fotoxornalismo e á fotografía de autor, máis achegada á arte. En que xénero situaría esta nova obra?

Entendo o fotoxornalismo como unha maneira de comunicar novas, de facer información a través da imaxe . Este non é un libro de fotoxornalista. Podería ser documental, tamén libro de autor, fotografía de paisaxe... Digamos que toca varios xéneros sen se definir completamente nun deles. 

-Na súa bibliografía atopamos un libro sobre o Ribeiro. Responde a un interese particular polas terras do viño?

Se fago un balance da miña traxectoria vexo claramente dúas liñas, cunha temática de fondo que é o país, Galiza. Podo dicir que son dos pioneiros en encarar a realidade galega en toda a súa crueza, cos contrastes de autoodio na maneira de vivir. Quixen retratalo e mostralo como un espello. Que se vira e que todo o mundo mirara como estabamos destruíndo a nosa identidade. Esta é a visión crítica do páis, da Jalisia. Por outra banda está o retrato do país en positivo, de mostrar con orgullo a paisaxe, o patrimonio... sacar peito e poñer en valor toda a riqueza que posuimos. O viño ribeiro e o albariño forman parte da identidade do país e a min gústame ser fachendoso, como o fun coas vacas, a quen reivindiquei tamén como sinal de identidade. 

-Esa outra liña do seu traballo, que en nada aparece neste novo título, contribuíu para a denuncia do que deron en chamar “feísmo”?

Non me gusta ese termo porque implica un valor estético puro. No do feísmo hai unha certa compoñente de señorito de cidade. Trátase máis dun problema de autoodio. Como acontece co propio idioma. Para min, esa é unha liña de autor, na que continúo traballando. 

-A dixitalización popularizou a fotografía. Coida que é causa tamén da desvalorización da profesión?

Eu vexo positivo a universalización da fotografía. Case todo o mundo ten unha cámara que emprega para comunicarse. A fotografía estase a converter na linguaxe universal. A desvalorización do fotoxornalismo responde á crise salvaxe que afecta os medios de comunicación, en especial, a imprensa. As empresas están abaratando ao máximo o proceso de produción. Non hai fotógrafos como non hai maquetistas. O negativo de todo isto é que se está perdendo calidade na comunicación. Se o xornalista fai todo non pode ofrecer unha información contrastada e con fontes. 

-O vídeo co que presentou o libro, certamente, dá imaxe de benestar e mesmo de entusiasmo. Contrasta abondo co momento que estamos a vivir. 

-O grande problema da crise, desta crise tan profunda, é o pesimismo que está a xerar. Quixen transmitir optimismo, que bebas o libro como bebes o albariño

Comentarios